Grupo Municipal do PSdeG-PSOE
Teléfono: 981 542 371Correo: psoesantiagodecompostela.gal
Mercedes Rosón Ferreiro
Subdirectora da Área de Cultura do Vicerreitorado de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, e responsable da Fonoteca universitaria dende finais dos anos oitenta; centrando fundamentalmente a súa actividade nos ámbitos da xestión e produción de música, exposicións, artes plásticas e xestión do patrimonio histórico-artístico e a música. Durante oito anos, de 2003 ao 2011, foi concelleira no Goberno municipal, ocupando as áreas de Cultura, Rehabilitación e Cidade Histórica, Centros Socioculturais, Urbanismo, Vivenda e Educación. En 2011 retomou o seu traballo na Universidade, traballo que compaxinou coa actividade política como concelleira do PSdeG-PSOE na oposición do concello compostelán ata o 2 de decembro de 2017. Á marxe da actividade profesional, forma parte de diferentes colectivos veciñais, sociais e culturais.
María Milagros Castro Sánchez
Nada en 1965, é técnica superior de Saúde Bucodental e traballadora dende 1995 do Centro de Saúde de Fontiñas, barrio no que reside. Nas eleccións de 2015 foi escollida por primeira vez concelleira do grupo municipal socialista. Na actualidade é a secretaria xeral da Agrupación Local do PSdeG-PSOE.
Gumersindo Guinarte Cabada
Naceu en Forcarei e trasladouse de neno a Compostela. Aquí estudou, ata doutorarse en Dereito. É profesor e decano da Facultade de Dereito da USC. Compatibilizou a súa traxectoria universitaria con diversos cargos políticos e institucionais, dentro e fóra da Universidade, entre os que figuran: director do Instituto de Criminoloxía, secretario xeral da USC, vicevaledor do Pobo e secretario xeral da Presidencia da Xunta no Goberno de Emilio Pérez Touriño.
Marta Abal Rodríguez
Nada en Cenlle (Ourense) en 1982, é licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola USC e máster de Xestión Pública, tamén pola Universidade de Santiago. En 2005 comezou a traballar para a Xunta de Galicia. Ata 2009, como persoal eventual de gabinete na Secretaría Xeral de Análise e Proxección. A partir de 2010 exerceu como funcionaria do corpo administrativo, e dende 2011 como funcionaria do corpo superior da Administración Xeral.
Gonzalo Muíños Sánchez
Nado no barrio de San Pedro en 1969. Estudou en La Salle e traballou, durante vinte anos, en Autos Lobelle, como responsable de Calidade e Medio Ambiente. Foi xerente do Club Lobelle Fútbol Sala entre 2002 e 2011. Formou parte da lista de Sánchez Bugallo en 2011, e dende aquela é concelleiro.
Marta Álvarez Vázquez
Nada en Pontevedra en 1968, é graduada en Enfermaría. Posteriormente rematou os mestrados en Relación e Axuda e en Urxencias e Emerxencias. Actualmente traballa de enfermeira Atención Primaria, e foi durante 16 anos técnico da Coordinación Autonómica de Transplantes de Galicia.