O Pleno ten un regulamento propio de carácter orgánico e tanto o seu funcionamento coma a organización dos seus contidos recóllese no regulamento municipal. Constitúeo unha Secretaría Xeral e unha serie de Comisións encargadas de xestionar diversas áreas de goberno e de informar sobre esta ao Pleno.
Unha das funcións do Pleno municipal que ten maior relevancia, dentro das súas tarefas de fiscalización e control dos órganos de goberno, está a votación das mocións de censura e confianza. Así mesmo, do Pleno dependen os acordos relativos á alteración da composición ou dos lindes do termo municipal ou os acordos sobre a participación do Concello en órganos supramunicipais.
Do Pleno dependen tamén as aprobacións e modificacións de regulamentos orgánicos, ordenanzas, orzamentos, cadros de persoal, regulamentos municipais, etc. A aprobación inicial e final das tramitacións urbanísticas tamén é unha das competencias do Pleno, así como a transferencia das súas funcións a outras administracións ou a determinación do xeito no que o Concello xestionará os servizos municipais.
O Pleno da Corporación reúnese en sesión ordinaria, agás agosto, o último xoves de cada mes, ás 17:00 horas en primeira convocatoria. No caso de ser festivo, celébrase dous días antes ou dous días despois, á mesma hora.
Por Decreto da Alcaldía do 24 de setembro de 2019 as sesións plenarias ordinarias correspondentes aos meses de outubro e decembro do ano 2019 adiántanse unha semana e, como consecuencia, terán lugar o día 24 de outubro e o día 19 de decembro de 2019.