Concepción Fernández Fernández
Concepción Fernández Fernández
Concelleira responsable de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, con competencias en Políticas Sociais, Diversidade, Economía Social, Maiores, Saúde, UMAD, UAMI e Cooperación.
Profesora de Intervención Sociocomunitaria no CIFP Compostela. Vive en Santiago de Compostela dende o ano 1988 e ten dous fillos. Estudou Psicoloxía e fixo o doutoramento en Psicoloxía Política. No tempo universitario foi claustral electa e responsable da Comisión Cultural das Facultade de Psicoloxía, Filosofía e Ciencias da Educación. Xa como profesora estivo activa no Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galicia (STEG). Nos últimos anos, a súa participación social está ligada ao Colexio Oficial de Psicoloxía, onde foi coordinadora da Comisión Intersectorial de Xénero e actualmente é secretaria.
Políticas Sociais, Diversidade, Economía Social, Maiores, Saúde e Cooperación
O Concello aposta por políticas sociais e de saúde públicas, universais, de calidade, integrais e solidarias, con orzamentos suficientes que garantan a xestión pública directa, cun catálogo de servizos e prestacións axeitados e suficientes para atender a diversidade de demandas sociais, priorizando os programas de prevención, promoción e desenvolvemento da autonomía persoal e saúde.

Dende esta área, o Concello promove políticas de integración e normalización dos dereitos de todas as persoas. Tratase de que todas as persoas que vivan, traballen ou se acheguen a Compostela poidan desfrutar de todos os recursos e servizos que lle permitan levar unha vida digna. Así, canalízanse os medios e recursos suficientes para facilitar que as condicións de vida (ingresos, vivenda, servizos básicos, servizos educativos e de saúde...) sexan equiparables ás do cidadán medio e cidadá media e permitan o maior desenvolvemento das capacidades e competencias persoais.

Esta Concellería atende as necesidades básicas da cidadanía, a través da promoción da saúde e a prestación de servizos sociais, en colaboración e coordinación cos distintos departamentos municipais, cos axentes sociais do concello, co tecido asociativo e co movemento cidadán, particularmente coas entidades do terceiro sector.

Entre as súas funcións está tamén a coordinación e corresponsabilidade política e técnica na loita contra todas as formas de exclusión e discriminación, implicando a todas as áreas municipais, concellos limítrofes, outras institucións públicas e as ONG´s implicadas na loita contra a pobreza e exclusión en Santiago de Compostela.

En definitiva, esta área promove un Concello máis igualitario e xusto, amigable para as persoas maiores, integrador das diversidades, saudable, socialmente responsable, solidario e con servizos accesibles para todas as persoas.
UAMI e UMAD
Esta área ostenta tamén as competencias en inmigración, articuladas a través da Unidade de Atención ás Migracións (UAMI) A integración social e laboral dos inmigrantes é tamén unha cuestión de primeira orde para o Goberno municipal. Para conseguir este obxectivo o Concello convoca axudas asistenciais e bolsas de estudo e organiza programas de formación de adultos de minorías étnicas. As axudas fanse extensivas, mediante a convocatoria de subvencións, tamén para aqueles organismos ou asociacións dedicadas a prestarlle atención social aos inmigrantes.

Tamén se ocupa da Unidade Municipal de Drogodependencias (UMAD), un servizo de tratamento ambulatorio que desenvolve actividades terapéuticas en materia de adición a estupefacientes. Realiza programas dirixidos a todas as persoas con problemas de consumo de drogas ou con familiares nese colectivo (programa de orientación e acollida, programa libre de drogas, programa de mantemento con naltrexona ou metadona, programa de reinserción...).


Compartir: