Xan Duro Fernández
Xan Duro Fernández
Concelleiro responsable de Medio Ambiente, Convivencia e Informática, con competencias en Sustentabilidade (Residuos Sólidos Urbanos, Auga, Enerxía, Consumo e Cemiterios), Convivencia (Policía Local, Bombeiros, Protección Civil, Tráfico, Grúa e ORA), Parques e Xardíns, Innovación e Informática. Secretario da Xunta de Goberno.
Diplomado en Biblioteconomía e Documentación, traballa na USC como auxiliar técnico de biblioteca. Con parella e pai de dous nenos de 6 e 8 anos. É militante ecoloxista dende hai tempo. Foi presidente de ADEGA e coordinador xeral de Verdegaia, da que continúa sendo parte, e membro de Ecoloxistas en Acción. Socio e colaborador da ONGD Amarante, presidente (sen remuneración) de Salgueiriños de Consumo So.Coop Galega e socio cooperativista de SomEnergia. Tamén milita en Espazo Ecosocialista, facendo parte da súa Comisión Coordinadora.
Medio Ambiente
O Goberno local aposta por un municipio con pouca contaminación e pouco contaminante, baseado nas enerxías renovábeis, na redución, na reutilización e a reciclaxe,rico en biodiversidade, humana e non humana, implicando a cidadanía no proceso de transición cara a sustentabilidade municipal. Santiago, como capital de Galicia, merece un recoñecemento como cidade limpa, sostible e sen ruído, e por iso ten un compromiso serio co medio ambiente para contribuír á mellora da calidade de vida das persoas. Esta área ten un marcado carácter transversal, afectando a todas as áreas de goberno, implicando a toda a administración municipal cos postulados de preservación e conservación ambientais.

Son varios os ámbitos aos que aplica este criterio de sustentabilidade, un dos cales é a xestión da auga, defendendo que esta fique no espazo público e comunitario, con participación, equidade, control social, sen fin de lucro e preservación do ciclo da auga.

Outro dos eixos de acción é a transparencia da xestión dos residuos sólidos urbanos, iniciando o camiño cara a recuperación da recuperación da xestión municipal da xestión e promovendo fórmulas que potencien a economía social e a corresponsabilidade. Este departamento fomenta tamén a recolleita selectiva, realiza campañas de educación ambiental, establece políticas de redución de residuos e apoia a compostaxe caseira.

Ademais, promóvese o uso responsable da enerxía, establecendo indicadores que reflictan a realidade a realidade do consumo enerxético e o seu impacto ambiental. Trabállase para mellorar o rendemento de sistemas e equipos, racionalizando e diminuíndo o consumo enerxético municipal e auditando o consumo eléctrico do alumeado público, con medidas de redución do consumo e adecuando o número e a tecnoloxía dos puntos de luz ás necesidades reais. Aplícanse criterios bioclimáticos en edificios e equipamentos municipais e promóvese o uso de fontes de enerxías renovables.

No eido do consumo, o Concello aposta pola compra pública responsable, aplicando un parámetros sociais, ambientais e éticos na execución dos orzamentos públicos para a adquisición e consumo de bens e servizos.

Xa cunha orientación directa á cidadanía, esta área inclúe tamén a Oficina Municipal de Atención ao Consumidor (OMIC), que facilita información relativa a materias de consumo e tramita reclamacións nesta materia, ademais de organizar campañas de información ao consumidor sobre materias concretas.
Convivencia
A Policía Local, o corpo de Bombeiros e o equipo de Protección Civil son parte dos servizos municipais destinados a salvagardar a seguridade dos composteláns e das compostelás. O Goberno municipal procura a creación de políticas transversais que enfronten as causas da inseguridade a través da acción converxente deses tres equipos de seguridade.

Para conseguir este obxectivo fundamental, centrado en ofrecer unha maior seguridade e benestar e tamén en aproximar as forzas de seguridade locais á cidadanía, o Goberno baséase nos principios de prevención, proximidade co sociedade, participación cidadá, coordinación, calidade no servizo e solidariedade para afrontar as causas sociais que xeran a inseguridade da cidadanía.

A Concellaría encárgase de establecer as directrices xerais de circulación e transporte e de ordenar e regular o uso e utilización normal das vías públicas para a optimización do paso de vehículos e peóns.

Tamén dita normas reguladoras de circulación, sinalización e estacionamento de transporte de viaxeiros e mercadorías e concede as autorizacións para a ocupación temporal da vía pública e de entrada de vehículos ás zonas de acceso restrinxido como o Casco Vello.

Este Departamento ten igualmente como función a inspección do funcionamento dos servizos xestionados polas empresas concesionarias para garantir o cumprimento dos contratos e o óptimo funcionamento da prestación. Tal é o caso dos servizos de Grúa e ORA.
Parques e Xardíns
A preservación e recuperación da biodiversidade é un dos obxectivos da acción municipal, valorizando o seu entorno e establecendo medidas para a recuperación e conservación dos seus espazos naturais. Dende esta área aplícanse criterios ecolóxicos na xestión, coidado e renovación dos parques e xardíns do concello, cun programa de uso preferente de especies autóctonas, naturalizando os parques periféricos e diversificando os hábitats. Promóvense programas de educación ambiental e participación, con especial atención aos centros educativos.

Este Departamento realiza a supervisión e seguimento do contrato administrativo dos servizos de mantemento e de conservación dos parques municipais. Encárgase de elaborar e actualizar o catálogo de zonas verdes municipais e xestiona os servizos do viveiro municipal.
Informática e Innovación
Un dos proxectos da corporación municipal compostelá é o de modernizar a administración. O principal obxectivo desta modernización é o de acadar unha maior racionalización no emprego dos recursos públicos así como unha maior accesibilidade aos servizos por parte do cidadán. Por iso, o departamento de Informática promove a potenciación e optimización da e-administración, favorecendo a xestión integral dos procesos, preferentemente a través das novas tecnoloxías da comunicación.

En estreita relación con este departamento traballa outro, o de Innovación, que traballa en prol do progreso e modernización da cidade e da administración, avanzando na concepción como Smart City (cidade intelixente). Santiago participa en diversos proxectos para a modernización dos servizos públicos, en materias como a eficiencia enerxética, a mobilidade, a administración municipal, etc. Este departamento funciona de xeito transversal en colaboración coas demais áreas municipais.


Compartir: