Marta Lois González
Marta Lois González
Concelleira responsable de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, con competencias en Igualdade, Promoción Económica, Emprego, Mercados, Comercio e Turismo.
Naceu en Vigo en 1969, ten unha filla e un fillo. Leva máis de 25 anos vivindo en Santiago de Compostela. Forma parte da directiva da ANPA do CEIP de Fontiñas e foi membro do Consello Escolar deste mesmo centro. É profesora na Facultade de Ciencias Políticas da USC. Os temas nos que habitualmente traballa están relacionados coas políticas públicas, a igualdade de xénero e a representación política. É parte dun amplo grupo de investigación sobre xénero e política con profesoras e investigadoras de varias universidades do Estado. Ademais, é integrante do grupo Armela, que analiza o impacto da actual crise económica no desenvolvemento e garantía dos dereitos sociais e a igualdade de oportunidades entre a cidadanía.
Igualdade
O Concello promove a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, un dereito básico recollido en diferentes normas e leis. Dende este departamento trabállase por unha intervención pública e cidadá sistemática e integral que remova os obstáculos e evite a discriminación por razón de sexo, cunhas políticas que garantan a igualdade real entre mulleres e homes, a igualdade de responsabilidades e dereitos. As políticas de xénero impregnan toda a acción municipal, con propostas en todos os ámbitos ao tempo que se aplican medidas específicas destinadas á mellora da situación das mulleres.
Promoción Económica, Emprego, Mercados e Comercio
A promoción económica da cidade enténdese coma o resultado dun modelo de cidade a construír e dunha imaxe de cidade a transmitir, apostando por un modelo de desenvolvemento local endóxeno, cooperativo e asentado na identidade e na historia do territorio. Trabállase pola dinamización económica dos barrios e do rural.

O emprego é outro dos eixes de traballo deste Departamento, adaptando o máximo posible as políticas autonómicas de atención ás persoas desempregadas á realidade do concello, e impulsando programas de intermediación laboral que teñan en conta as necesidades especiais dos demandantes de emprego con diversidade funcional ou en risco de exclusión social.

Dende esta área xestiónase a Axencia Local de Colocación, que xoga un papel fundamental nesta intermediación coas persoas desempregadas, pero tamén no eido da formación, realizando cursos de formación ocupacional, escolas-obradoiro, obradoiros de emprego, medindo de forma continua a súa eficacia, e orientándoos aos sectores e actividades estratéxicos.

O emprendemento é outra das liñas de acción desta área, fomentando a formación e creando as condicións axeitadas para o nacemento de proxectos colectivos, cooperativos e competitivos.

En materia de comercio, promóvense os mercados de proximidade e apóiase o comercio de barrio, fomentando o asentamento de empresas de servizos, a creación de cooperativas e da difusión de produtos turísticos na zona rural. Impúlsase a actividade comercial, suxerindo iniciativas comerciais innovadoras e alternativas para o comercio tradicional, a través de proxectos colectivos e coordinando as campañas de dinamización comercial coas campañas turísticas, culturais e de festividades da cidade.
Turismo
O Concello aposta polo turismo como principal motor económico do Concello, pero cun crecemento planificado e controlado. turismo en Santiago. Neste sentido, traballa para crear una oferta turística de calidade, baseada na autenticidade de Santiago como concello vivo, patrimonial , cultural e hospitalario, no que a cultura e o medio ambiente son os eixes transversais fundamentais para definir un desenvolvemento turístico auténtico e sostible a longo prazo. Ademais, deséñanse políticas coordenadas para entre o turismo e o resto de áreas municipais, considerando a potencialidade deste sector na xeración de emprego.

A acción municipal en materia turística baséase nos principios de transparencia, participación, accesibilidade, transversalidade, desestacionalización, descentralización e diversidade. Deféndese un modelo que prioriza a calidade fronte á cantidade, o apoio ás pequenas iniciativas turísticas, a perspectiva humana do turismo, a accesibilidade universal, o aproveitamento do patrimonio autóctono, a dinamización da cidade monumental, a consolidación da imaxe de Santiago como concello verde e a penalización da especulación de prezos.

Para atender estas necesidades, a Concellaría xestiona un Plan de Excelencia Turística e conta cunha empresa municipal, Incolsa, dedicada especificamente á promoción turística da cidade. Esta ten a función de posicionar a cidade nos diferentes mercados turísticos especializados, así como a posta en marcha de programas de diversificación e desestacionalización.


Compartir: