María Rozas Pérez
María Rozas Pérez
Concelleira responsable de Economía e Facenda, con competencias en Planificación Económica e Financeira, Xestión Tributaria, Xestión Orzamentaria e Política Fiscal. Primeira tenente de alcalde.
Nada en Santiago de Compostela, en 1981. Traballa como consultora de xestión económica e patrimonial para Administracións Públicas nunha empresa de tecnoloxía da información e da comunicación. Licenciada en Ciencias Políticas e Ciencia da Administración pola USC. Master de Estratexias, Axentes e Políticas da Cooperación ao Desenvolvemento polo Instituto HEGOA (Universidade do Pais Vasco). Voluntaria en varias ONGD’s e participante de movementos feministas.
Planificación Económica e Financeira
O Concello aposta por unha facenda municipal progresiva, equitativa e suficiente, creando as condicións para unha redistribución efectiva da riqueza e fornecendo as arcas públicas dos recursos necesarios para atender as súas competencias e as necesidades sociais máis urxentes. A planificación económica e financeira responde ao obxectivo de garantir que as decisións municipais nesta materia se adapten a un horizonte de sustentabilidade.

Ademais, foméntase a transparencia e a participación cidadá, tamén nos gastos e investimentos, facéndoos accesibles á cidadanía dun xeito pormenorizado, claro e aberto.
Xestión Tributaria
Este Departamento ocúpase de realizar as xestións encamiñadas á consecución material das liquidacións dos tributos e doutros ingresos municipais, así como das recadacións, ao tempo que procura facer efectivo o principio de xeneralidade nas cargas tributarias dos obrigados ao pagamento a través da sección de inspección tributaria.
Xestión Orzamentaria e Política Fiscal
A elaboración dos orzamentos municipais, en coordinación cos diferentes departamentos municipais é outra das funcións desta Concellería. Axustar os gastos e ingresos é o obxectivo fundamental nesta materia, sempre no marco da distribución dos recursos para atender as competencias e necesidades do concello e dos seus cidadáns.

En materia de políticas fiscais, deféndese a progresividade mediante a elevación do peso das figuras tributarias directas na recadación municipal e a redución das indirectas, considerando a situación económica e social nas figuras fiscais, con bonficacións ou desgravacións por tal condición. A suficiencia da recadación municipal vén determinada polas necesidades básicas que deben ser atendidas e pola loita contra o fraude fiscal e a economía mergullada.


Compartir: