Jorge Duarte Vázquez
Jorge Duarte Vázquez
Concelleiro responsable de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda, Mobilidade e Relacións Veciñais, con competencias en Urbanismo (Planeamento, Licencias e Disciplina Urbanística e Patrimonio), Cidade Histórica, Rehabilitación, Vivenda, Mobilidade, Participación e Relacións Veciñais. Segundo tenente de alcalde.
Nacido no 1966, natural de Boimorto, arquitecto pola ETSA da Coruña, con especialización en Urbanismo e Rehabilitación e Renovación Urbana. Reside en Santiago de Compostela dende principios dos noventa e traballa no estudio Atrio Arquitectura, onde aborda proxectos de rehabilitación, de turismo rural, arquitectura bioclimática e tamén proxectos de urbanización. Foi presidente do Colexio de Arquitectos en Compostela e decano do Colexio de Arquitectos de Galicia e coordinou o Manual de Calidade do Proxecto Arquitectónico do Consello Superior de Arquitectos de España.
Urbanismo
O Concello busca mellorar a calidade de vida dos cidadáns e das cidadás, facendo un concello e un territorio mais habitable e entendendo a necesidade dun dinamismo que permita anticiparse ás necesidades futuras para poder recuperar o pulo do concello e ser un referente a nivel mundial como urbe de referencia, como o foi na rehabilitación do seu patrimonio histórico e cultural. Todo isto a través do funcionamento como unha rede territorial cun proxecto común, logrando a integración do territorio, da paisaxe, das augas, dos espazos naturais na complexidade urbana coa finalidade de reducir a pegada ecolóxica botando man dos seus recursos naturais.

Dende o Goberno local impúlsase a calidade do espazo público tendo en conta o criterio dos seus usuarios, os cidadáns, e promovendo a convivencia entre os diferentes ciclos vitais. Apóstase por un planeamento xeral que ordene o crecemento do concello, adaptándoo ás necesidades de crecemento actual.

O Concello impulsa unha política activa de urbanismo que aposta pola calidade urbanística e pola sustentabilidade, pero tamén pola axilización da normativa nesta materia. Neste sentido, unha das prioridades é unha maior eficacia e celeridade na concesión das licenzas municipais. Así, avánzase no e-urbanismo, co obxectivo de que os cidadáns poidan tramitar a través da páxina web os diferentes procedementos urbanísticos.

Outro dos cometidos desta área é difundir entre os cidadáns e cidadás o valor do patrimonio existente no noso concello, dende o arqueolóxico e etnográfico ata o territorial, como son os camiños, os núcleos rurais ou os curtidoiros. Este recoñecemento do valor patrimonial na nosa contorna axudará tamén a diversificar as estancias turísticas na cidade.
Cidade Histórica e Rehabilitación
O casco antigo de Compostela é, sen ningunha dúbida, un dos principais atractivos turísticos da cidade e constitúe a súa imaxe a nivel internacional. Santiago conta con máis de 40 edificios catalogados como de excepcional valor arquitectónico, case setenta que posúen características singulares de valor cultural e preto de 300 con características tipolóxicas e compositivas de especial significación arquitectónica.

Pero é interese do Goberno compostelán ocuparse das demandas e necesidades dos veciños que viven neste ámbito, revitalizando a Cidade Histórica, fomentando o mantemento e a introdución de habitantes novos e novas e limitando e regulando os usos turísticos e comerciais.
Vivenda
Outro dos eixes do Departamento é o recoñecemento do dereito constitucional do acceso á vivenda por parte dos cidadáns e das cidadás, con políticas de vivenda que permitan o acceso a mesma de todos os sectores da poboación, evitando a especulación e fomentando a reinvestimento das plusvalías urbanísticas en vivenda de promoción pública.

Son cometidos desta área evitar a proliferación de vivendas baleiras ou en estado de abandono, promovendo a súa saída ao mercado de alugueiro, e fomentar a rehabilitación do parque edificatorio existente en toda a cidade. O Concello tamén asume o compromiso de evitar os desafiuzamentos, actuando como mediadores, apoiando o traballo das organización non gobernamentais nesta materia e retirando os fondos das entidades financeiras que executen despexos en primeiras vivendas.
Mobilidade
Dende o Concello prímanse os movementos das persoas, buscando a ampliación do espazo peonil e reducindo a presión do vehículo privado. Apóstase por un concello inclusivo e igualitario pensado para persoas de todas as idades, contemplando todos os medios de transporte, públicos e privados e a súa intermodalidade, unindo os diferentes medios de curto e longo percorrido.

Este Departamento realiza estudios co fin de definir criterios de equilibrio entre o tráfico rodado e o peonil en coordinación con outros departamentos municipais. A este Departamento corresponde a elaboración do Plan de Mobilidade.

Encárgase do control, xestión e resolución de materias relacionadas co transporte colectivo urbano e interurbano dentro do termo municipal. Ocúpase da relación coa empresa municipal Tussa, creada para executar as políticas de transporte público urbano en Santiago de Compostela.

Ten as facultades de supervisar e controlar as ordes e instrucións que deben cumprir as empresas concesionarias dependentes da área atendendo á lexislación xeral e ao contido establecido nos pregos de condicións.
Participación e Relacións Veciñais
O Concello quere dar resposta á transversalidade que en esencia ten a democracia participativa. Entre as funcións deste departamento está velar polo correcto funcionamento das canles de participación establecidas regulamentariamente e polas axeitadas relacións entre os órganos de participación cidadá e o Concello.

Trata de garantir a participación e a decisión da veciñanza na xestión dos asuntos do Concello, dende un enfoque de equidade, solidariedade, cooperación e inclusión social. Así, canaliza as peticións e consultas da cidadanía e dos colectivos e entidades, rexistrando as súas peticións, queixas, suxestións, iniciativas e propostas, realizando igualmente os trámites administrativos necesarios. É o departamento encargado de habilitar as diversas fórmulas para dinamizar a participación da cidadanía.


Compartir: