Bases do concurso de balcóns

Flores na cidade


Primeira.- Con este concurso, convocado polas Concellarías de Medio Ambiente e Cidade Histórica, preténdese chamar a atención sobre os beneficios socioambientais da recuperación dos balcóns como elementos vivos do casco vello, porque detrás de cada balcón ornamentado existe unha contribución cidadá á mellora estética dunha rúa ou edificio, á mellora da calidade ambiental e, sobre todo, á mellora da relación veciñanza-contorna urbana a través dunha achega artística persoal nun espazo privado para goce visual da veciñanza e das persoas que visitan a cidade neste ano Xacobeo.

Segunda.- Poderán participar no concurso todas as persoas titulares ou arrendatarias de vivendas con balcón que reúnan as condicións necesarias para ser decorado sen que isto supoña ningún perigo para a súa integridade nin para a dos viandantes e que se encontren na Cidade Histórica.
Non poderán participar no concurso as administracións e empresas públicas.

Terceira.- O concurso terá lugar durante o mes de xuño de 2010.
Aos participantes facilitaráselles un distintivo que terá que exhibirse nun lugar visíbel en todos os balcóns que participen no Concurso. Os/as participantes remitirán obrigatoriamente fotografías á organización.
Todas as fotografías así como a recollida de imaxes por calquera outro medio serán propiedade exclusiva da organización.
As fotografías hanse expoñer na web www.santiagodecompostela.gal

Cuarta.- O prazo de presentación ao concurso abranguerá do 1 ao 30 de xuño de 2010.

As inscricións poden realizarse mediante:
  • Correo electrónico, no seguinte enderezo: medioambiente@santiagodecompostela.gal
  • Entregalas persoalmente no Centro de Interpretación de Parques e Xardíns da Alameda, de luns a venres en horario de 12:00 a 14:00 h.

Nas inscricións do concurso hai que achegar a seguinte documentación e información:
  • Nome e número de DNI do/a concursante
  • Número de teléfono de contacto e enderezo de correo electrónico se o ten
  • Situación exacta do balcón que se presente a concurso con todos os datos para a súa perfecta localización.
  • Tres fotografías en papel ou en formato dixital do balcón: unha anterior á ornamentación e outras dúas co balcón ornamentado.

Quinta.- Para facilitar a ornamentación dos balcóns, a organización distribuirá gratuitamente diferentes tipos de plantas entre que poderán retirar do 1 ao 4 de xuño, ambos inclusive, no Centro de Interpretación de Parques e Xardíns da Alameda, en horario de 12:00 a 14:00 h.

Sexta.- O xurado realizará a avaliación dos balcóns do 7 ao 15 de xullo. O fallo do xurado darase a coñecer o 17 de xullo.

Sétima.- O xurado poderá ter en contra, entre outros, os seguintes criterios:
  • O estado de conservación e mantemento do balcón
  • A orixinalidade da ornamentación
  • A harmonía no crecemento das plantas
  • A combinación de cores
  • A variedade, calidade e perdurabilidade dos elementos vexetais
  • A innovación de especies e elementos accesorios

Oitava.- O xurado estará formado por:
  • As concelleiras delegadas de Medio Ambiente e Cidade Histórica
  • Un/ha técnico do Departamento de Cidade Histórica
  • Dous/dúas técnicos/as dos Departamentos de Parques e Xardín/s e Medio Ambiente.
O fallo do xurado será inapelábel. O xurado poderá declarar desertos todos os premios ou algúns deles en caso de non reunir a calidade suficiente.

Novena.- Establécense os seguintes premios:
  • 1º premio. Diploma, plantas e materiais de xardinería por valor de 200 €
  • 2º premio. Diploma, plantas e materiais de xardinería por valor de 100 €
  • 3º premio. Diploma, plantas e materiais de xardinería por valor de 50 €
  • Premio do público. Diploma, plantas e materiais de xardinería por valor de 75 € ao balcón que máis votos acade. Os votos emitiranse a través da páxina web do 7 ao 15 de xullo.
Os premios entregaranse en acto público convocado ao efecto.

Décima.- O feito de participar no Concurso implica o coñecemento e aceptación de todas e cada unha destas bases.
Compartir: