José Manuel Pichel Patiño
José Manuel Pichel Patiño
Concelleiro responsable de Medio Rural e Relacións Veciñais (zona rural).
Naceu en 1965 en Val do Dubra, aínda que vive en Santiago dende hai máis de 25 anos. En 1992 empezou a traballar en Unións Agrarias. Entre 1994 e 2002 foi secretario xeral na comarca de Ordes. Na actualidade é o coordinador na comarca de Compostela, compatibilizando este cargo co de técnico responsable dos Servizos Fiscais. Tamén é membro do Comité Federal da UPA, a Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros; e do Comité Nacional de UXT-Galicia. Milita no PSOE dende o ano 1993.
Medio Rural
A acción no medio rural baséase na idea da recuperación do agro como valor engadido para a cidade. Para iso poténciase a integración administrativa e social do agro na vida do concello e a posta en valor do rural como fronte de riqueza, así como a reinversión do concello no mundo rural para axeitar os servizos ós estándares urbanos, e axeitar a presión fiscal aos servicios reais.

Este Departamento asesora á poboación rural e intermedia fronte a empresas e administración e pretende tamén a posta en valor dos elementos arquitectónicos e naturais do rural e a promoción entre a poboación urbana e os turistas: muíños, cruceiros, sendas verdes, carballeiras, etc. Outra das liñas estratéxicas é a mellora das comunicacións e dos servizos das parroquias compostelás.
Relacións Veciñais
O Concello quere dar resposta á transversalidade que en esencia ten a democracia participativa. Entre as funcións deste departamento está velar polo correcto funcionamento das canles de participación establecidas regulamentariamente e polas axeitadas relacións entre os órganos de participación cidadá e o Concello.

Trata de garantir a participación e a decisión da veciñanza na xestión dos asuntos do Concello, dende un enfoque de equidade, solidariedade, cooperación e inclusión social. Así, canaliza as peticións e consultas da cidadanía e dos colectivos e entidades, rexistrando as súas peticións, queixas, suxestións, iniciativas e propostas, realizando igualmente os trámites administrativos necesarios. É o departamento encargado de habilitar as diversas fórmulas para dinamizar a participación da cidadanía.


Compartir: