CENTROS SOCIOCULTURAIS

Continúa a rodaxe do lip dub do Nadal 2012 nos centros socioculturais

14/12/2012 Segue realizándose a gravación do vídeo musical que servirá como a felicitación da Concellería de Centros Socioculturais neste Nadal. Todos os veciños e veciñas están convidados a participara neste creativo lip dub.

Con este vídeo preténdese realizar de forma colectiva unha experiencia creativa, dar visibilidade e difusión á oferta de actividades dos centros socioculturais e captar novos usuarios. O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, participará tamén no lip dub, e mesmo animou ao alcalde, Ángel Currás, a que se sume á iniciativa.

Despois da súa estrea, na inauguración do Centro Sociocultural de Santa Marta, o venres 28 de decembro, o lip dub estará dispoñible en Youtube e Vimeo.

Implicadas na produción do vídeo, ademais de todo os equipo de animación sociocultural dos distintos centros, estarán catro estudantes de grao en Comunicación Audiovisual da USC, que se encargarán da fase de gravación, así como da postprodución e montaxe do vídeo.

Nas localizacións que xa se gravaron os pasados luns e martes participaron máis de 350 persoas dos locais socioculturais da Gracia e Marantes e dos centros da Trisca, Fontiñas, O Castiñeiriño e O Ensanche.

O calendario de próximas gravacións é o seguinte:

- Venres 14: CSC José Saramago de Vite, de 17:00 a 19:00 h; CSC Aurelio Aguirre de Conxo, de 19:15 a 21:00 h.
- Sábado 15: LSC de Villestro, de 11:00 a 13:00 h; LSC de Marrozos, de 16.30 a 18.30 h; LSC de Figueiras, de 19:00 a 21:00 h.
- Luns 17: novo CSC de Santa Marta, de 16:00 a 17:30 h.

Compartir: