XUNTA DE GOBERNO

Urbanismo estrea impresos normalizados para comunicar actividades e obras menores

25/04/2013 A Xunta de Goberno deu o visto bo aos novos modelos de comunicación de actividades e obras menores. Os novos impresos son máis sinxelos de cubrir polos empresarios e particulares que desexan poñer en marcha un negocio, modificar unha actividade en funcionamento ou acometer obras menores nun establecemento ou nunha vivenda.

A voceira da Xunta de Goberno e concelleira de Urbanismo, María Pardo, explicou que "se puxo especial coidado en que a documentación a presentar sexa coherente coas características da situación". Así, habilitouse un modelo (01) que permite comunicar determinadas actuacións de mero mantemento ou reposición de elementos xa existentes, tanto nunha vivenda coma nun local de negocio, sen que sexa necesario achegar documentación técnica ningunha.

Cando as obras non son tan sinxelas, existen dous modelos diferentes en función do perfil de usuario: empresario (03) que desexa acondicionar o seu establecemento ou particular (02) que vai facer obras na súa vivenda. A documentación a presentar varía segundo as circunstancias:

- É menor para as vivendas ou para obras que non alteran substancialmente locais que estaban xa a funcionar legalmente (con licenza, declaración responsable ou comunicación anterior), e non é necesario comunicar a finalización destas.

- En cambio, se as obras teñen como finalidade a posta en marcha dunha nova actividade ou modifican substancialmente a que xa está a funcionar no establecemento, o empresario deberá acompañar a comunicación cunha documentación técnica máis completa. Ademais, unha vez rematadas as obras, o empresario deberá comunicar a apertura (04) utilizando outro dos novos modelos, que inclúe a certificación dun técnico competente do sector privado. Ese mesmo impreso (04) serve para comunicar a apertura dun local no que non se fixeron obras de acondicionamento.

A concelleira advertiu que, tal como se explica nas instrucións que acompañan a cada modelo, estas comunicacións non serven para obras maiores nin para actividades clasificadas ambientalmente ou recreativas. Tampouco cando a vivenda ou establecemento se encontre en zonas de protección do dominio público ou en elementos integrantes do patrimonio cultural.

Neste sentido, e para evitar que se utilice o sistema de comunicación en lugares nos que se require licenza previa, a Sección de Cartografía elaborou unhas ferramentas que permiten determinar, a partir dos datos catastrais, se a vivenda ou local se encontra en zona de licenza ou de comunicación.

Plan de Competitividade Turística
A Xunta de Goberno tamén aprobou a memoria, orzamento detallado de actividades e calendario previsto de execución do Plan de Competitividade Turística 2013, así como a solicitude dunha subvención de 115.000 euros para o seu financiamento á Deputación Provincial da Coruña. O Concello achegaría 28.750 euros. Ademais, realizouse a encomenda de xestión deste Plan á empresa municipal INCOLSA.

Convenios co Consorcio
Ademais, deuse conta da sinatura de varios convenios de colaboración entre o Concello e o Consorcio de Santiago. Un deles é o do espectáculo dos Fogos do Apóstolo 2013, ao que o Consorcio achega 200.000 euros. Tamén se asinou un acordo para o financiamento de actuacións en sinalización turística. Neste caso, o Consorcio achega 21.000 euros para a execución das actuacións, ampliación, actualización e redecoración da sinalización hoteleira urbana (17.950 euros) e para a renovación dos paneis informativos dos recursos e puntos de información (3.050 euros).

Outro dous convenios son os relativos á celebración do Festival de Músicas Contemplativas 2013, cunha achega de 88.000 euros, e á realización do proxecto "Entorno do Muralla", con 13.000 euros. Seguindo co Consorcio, deuse conta dunha addenda ao convenio de colaboración na xestión do complexo deportivo Fontes do Sar, de xeito que queda exento de pagar o Imposto de Bens Inmobles (IBI).

Taxi adaptado
O Goberno local iniciou igualmente os trámites para a incorporación en 2013 dun novo taxi accesible. Será o terceiro destas características co que conte a cidade.

Obra en San Paio
Finalmente, adxudicáronse as obras nun inmoble na travesa de San Paio de Antealtares, que presentaba perigo de desprendemento de elementos. Ante a urxencia da reparación, o Concello realizará a obra, repercutindo logo o prezo da mesma aos propietarios do inmoble.

Compartir: