COMERCIO

Santiago conta con 3.879 locais comerciais, dos que 2.706 teñen actividade

27/02/2013 A concelleira de Comercio, Reyes Leis, acompañada da técnico responsable de Comercio, Lucía Castro, e de Roi Fernández, da empresa Mantelnor Servizos Especializados, presentaron no Pazo de Raxoi un avance do Censo de locais comerciais, que o Concello está elaborando para coñecer con precisión a situación dos locais comerciais, o seu número, as súas características, se están ocupados ou non e, nos casos nos que están sen ocupación, cales son as causas.

Para constatar este avance no Censo, a concelleira indicou que se tomou como referencia un estudo realizado en 2010. Da nova análise saen uns datos que os novos emprendedores poderán empregar para atopar locais na cidade adaptados ás súas necesidades. Non obstante, Reyes Leis recoñeceu a dificultade que implica o alto número de locais sen actividade que non teñen información dispoñible, aspecto no que se vai traballar en colaboración co Departamento de Urbanismo.

En Santiago de Compostela hai 3.879 locais comerciais. O Ensanche é a zona da cidade con maior número de locais comerciais, con 1.802. Na zona monumental hai 811. E noutras zonas da cidade son 1.266.

Dos 3.879 locais da cidade, 2.706 teñen actividade e 1.173 non a teñen. É dicir, a porcentaxe de locais con actividade sitúase no 69,76%, mentres que a de locais sen actividade é do 30,24%.Sen embargo, as porcentaxes de locais con actividade varían dun xeito importante en función da zona da cidade na que se atopen. Na zona monumental sitúase nun 79,41%, no Ensanche no 73,36% e noutras zonas redúcese ao 58,45%.

Na realización do estudo detectouse que dos 1.173 locais sen actividade, de apenas só 133 teñen información dispoñible. Os restantes 1.040 locais sen actividade, o 88,66%, non foi posible obter información. De entre os 133 que foi posible obter información, de 71 hai información completa e de 62 hai información incompleta.

As principais razóns polas que os locais sen actividade non están alugados ou vendidos son: a situación actual, é dicir a crise, 36,58%, a zona, 24,39%; pouca demanda, 21,95%; prezo de venda, 7,32%; necesidade de reforma, 4,38%; ou o prezo aluguer, 2,44%. O maior peso dun motivo ou outro varía en función da zona na que se atope o local: ensanche e zona monumental ou outras zonas da cidade.

A principal conclusión que se pode extraer do avance do estudo é que, pese a que hai un número importante de locais baleiros na cidade, é difícil obter información relevante sobre os mesmos para que os emprendedores ou empresarios podan alugalos ou mercalos para desenvolver algunha actividade comercial.

Documentos relacionados



Compartir: