URBANISMO

Urbanismo establece graduacións en canto ás actuacións permitidas nas construcións situadas fóra de ordenación

23/01/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, explicou en rolda de prensa a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal PXOM aplicable ás situacións fóra de ordenación. Este cambio, que será sometido á aprobación do Pleno na súa sesión ordinaria de febreiro, pretende evitar situacións de "abandono" e facilitar a rehabilitación.

A modificación afecta á redacción do artigo 109.2.d) -relativo á autorización do uso comercial nos locais construídos con anterioridade á entrada en vigor do Plan Xeral de 1989- e do artigo 124.1, no que este se refire ás actuacións de ampliación en edificios existentes que se atopan en situación de fóra de ordenación. A modificación non será aplicable nos inmobles protexidos ou catalogados, nos incluídos no ámbito do Plan especial da cidade histórica, nin nas edificacións en solo rústico ou en solo urbanizable non delimitado construídas ao abeiro da correspondente licenza urbanística ou autorización autonómica.

Lembrou a concelleira que o réxime legal de fóra de ordenación fai referencia a "unha situación sobrevida de incompatibilidade ou desconformidade das edificacións e instalacións preexistentes coas determinacións resultantes do novo planeamento urbanístico, o que implica, dende o punto de vista legal, a aplicación dun réxime transitorio restritivo en canto ás obras e actuacións a realizar nesta clase de bens".

"A aplicación do réxime de fóra de ordenación implica unha serie de restricións que supoñen un sacrificio no dereito de propiedade, sen dereito a indemnización, polo que, en última instancia, ademais de contribuír á depreciación económica e social do ben, poden chegar a perpetuar situacións de abandono ou de decadencia, ou mesmo precipitar a extinción de actividades económicas en funcionamento", apuntou María Pardo. Neste sentido, recordou que o actual PXOM regulaba só as situacións totais e parciais de fóra de ordenación, o que na práctica se traducía en que en todos estes inmobles non se permitiran máis que obras de conservación.

Así, con este cambio apóstase por "minimizar o risco de depreciación e de decadencia que padecen as edificacións xa existentes durante o lapso temporal –as veces moi dilatado- que media entre a aprobación do plan xeral e a efectiva execución das súas determinacións".

Tres tipoloxías
A modificación neste punto do PXOM permite efectuar unha gradación dos distintos niveis ou grados de desordenación, de xeito que o réxime mais restritivo unicamente se aplique ás construcións destinadas a desaparecer en execución directa das determinacións do Plan xeral, permitíndose para os outros supostos de desconformidade un maior grado de tolerancia en canto ás actuacións permitidas. Para os ámbitos pendentes de ordenación pormenorizada, artellarase unha situación transitoria, xa que, mentres non se aprobe o plan de desenvolvemento (plan parcial ou plan especial) non é posible avaliar a compatibilidade ou desconformidade da edificación existente, explicou a edil.

O primeiro dos réximes de nova ordenación será o denominado réxime estrito. Trátase do máis restritivo e aplicarase ás edificacións que ocupan, en todo ou en parte, solo afecto a dotacións públicas, de sistema xeral ou local. Nestes casos poderán autorizarse, ademais das obras de mera conservación, actuacións de rehabilitación e consolidación que permitan a mellora das actuais condicións de funcionalidade, se ben as obras que excedan da mera conservación só poderán permitirse previa renuncia do interesado a percibir indemnización polo incremento de valor que puidera derivarse no ulterior procedemento de obtención do solo afectado.

O réxime estrito aplicarase tamén ás edificacións que resulten incompatibles coas determinacións estruturantes do Plan xeral, non susceptibles de modificación ou reaxuste a través do planeamento de desenvolvemento, así como as que foran construídas sen licenza.

Outro réxime será o denominado diferido ou transitorio. É o das edificacións emprazadas en ámbitos cuxa ordenación detallada se atopa remitida a unha ulterior figura de planeamento (plan parcial ou especial), o que impide concretar se a edificación existente vai resultar ou non incompatible e en qué medida, agás que a incompatibilidade se derive de determinacións estruturantes do mesmo Plan Xeral, vinculantes para o planeamento de desenvolvemento, suposto no que procedería a aplicación do réxime máis estrito.

Nesta situación transitoria, que pode prolongarse de xeito indefinido no tempo, permítense, ademais das actuacións autorizadas na situación máis estrita, obras puntuais de ampliación e de incremento de volume, con suxeición a determinados límites e condicións.

Este será un réxime aplicable na actualidade aos seguintes solos: Mallou (SUD-1), Cancelas-A Muíña (SUD-2), Amio Norte (SUD-3), Amio Sur (SUD-5), Mulas de Abaixo-Meixonfrío (SUD-6), Torrente (SUD-8), Estrad de Vigo-Chouciños (SUD-9-10), Muíño de Vidán (SUD-11), Santas Mariñas-Sar (SUD-12), Sar-Monte Gaiás (SUD-13), Monte do Seixo (SUD-14), Castiñeiriño (SUD-15), Agra dos Campos-Aríns (SUD-17), Caneiros-Boisaca (SUD-18) e Costa Vella II (SUD-19).

Finalmente, articúlase o réxime desconforme, que referencia a unha situación de mera desconformidade con determinados parámetros establecidos pola nova ordenación (altura, fondo, recuamentos, ocupación, rasante). Isto non pretende a desaparición da edificación existente, polo que resultaría desproporcionado impedir a súa optimización ou mellor aproveitamento dentro dos límites da respectiva ordenanza. Nesta situación, polo tanto, permítense actuacións de ampliación ou incremento de volume ata cumprir os parámetros da ordenanza.

Edificacións ilegais
Nesta modificación urbanística tamén se aborda o réxime aplicable ás edificacións e instalacións clandestinas ou ilegais, que o artigo 210 da LOUG asimila ás incursas en situación de fóra de ordenación, unha vez que teña rematado o prazo para a adopción de medidas de restauración da legalidade urbanística. Explicou a concelleira que estas edificacións suscitan o problema da dificultade –ás veces imposibilidade- de avaliar a legalidade orixinaria de todas as edificacións e instalacións existentes no termo municipal, en particular daquelas xa existentes con anterioridade á aprobación do Plan Xeral de 1989.

Por tal motivo, establécese unha disposición especifica que regula a forma de acreditar a legalidade, distinguindo a tal fin se as edificacións existían ou non no momento da aprobación do citado Plan Xeral. As edificacións construídas sen licenza quedan asimiladas á situación de fóra de ordenación estrita ou integral, coa particularidade de que só se autorizan nelas obras de conservación e de consolidación, excluíndose expresamente as de rehabilitación.

Regulación do uso comercial
Polo que se refire á modificación do artigo 109, esta pretende solventar as dúbidas de interpretación xeradas pola actual redacción, no senso de eximir aos locais xa existentes no momento da aprobación do Plan Xeral de 1989 do cumprimento dos requisitos de altura esixidos polo vixente PXOM para os locais de nova creación, sempre que se adapten ás condicións e requirimentos mínimos esixidos pola normativa sectorial de aplicación.

Na actual normativa esixíase aos locais comerciais unha altura mínima de 3 metros, salvo no caso dos construídos antes da entrada en vigor do Plan Xeral. No caso daqueles cunha superficie de máis de 1.000 metros cadrados, a altura mínima debía ser 3,50 metros.

Coa nova redacción, fíxase a altura mínima dos locais comerciais en 3 metros con carácter xeral, de 3,50 metros nos establecementos comerciais que dispoñan dunha superficie de máis de 1.000 metros cadrados e de 4 metros nos de superficie superior a 3.000 metros cadrados construídos. Pero indícase que "os locais construídos con anterioridade á entrada en vigor do Plan Xeral de 1989 poderán destinarse a uso comercial aínda cando non reúnan os requisitos de altura establecidos polo presente artigo, sempre que se adapten as condicións esixidas pola regulamentación sobre seguridade e saúde no traballo, policía de espectáculos, actividades recreativas e demais normativa de aplicación".

Exclúense expresamente as superficies destinadas a oficinas, almacenaxe non visitables polo público, aparcamentos e outras dependencias de acceso restrinxido. Esta será unha modificación que beneficiará fundamentalmente aos locais comerciais do Ensanche.

Compartir: