XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno deu conta dos listados de solicitantes para as hortas das Fontiñas

05/12/2012 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, tomou en coñecemento o listado de solicitantes da cesión de hortas urbanas municipais en Fontiñas. Tamén se deu o visto bo a novas obras na Almáciga, Fontiñas e O Castiñeiriño.

Segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, as 37 novas hortas urbanas municipais dispoñibles recibiron 187 solicitudes, das que 164 foron finalmente admitidas. Como novidade, dúas das hortas serán cedidas a colectivos: a Asociación de Veciños As Fontes e Cáritas Vagalume.

Das restantes hortas, dez serán para os que cumprían os primeiros criterios de prioridade na adxudicación, isto é, por razón de idade e por estar a menos de 500 metros de distancia das hortas. Outras 11 hortas cederanse aos que entraban na seguinte orde de prioridade, cumprindo os requisitos de idade e residindo a máis de 500 metros. O resto das hortas serán sorteadas o mércores 12 entre as demais solicitudes, 76 delas correspondentes a veciños de Fontiñas e 65 doutros barrios. O sorteo celebrarase no Centro Sociocultural das Fontiñas.

Cómpre lembrar que a ordenanza reguladora non permite dispor de máis dunha horta na mesma unidade familiar nin en dous lugares diferentes.

Ademais, tamén se deu conta das solicitudes de renovación de uso de 26 hortas de Belvís de Abaixo. Houbo 24 solicitudes de renovación, das cales unha non foi admitida por non estar xa o solicitante empadroado en Santiago de Compostela.

Obras nos barrios
Por outra parte, o Goberno local adxudicou tres novas obras nos barrios: A Almáciga (42.416 euros), Fontiñas (31.002 euros) e O Castiñeiriño (92.077 euros). Ademais, xa no eido rural, aprobouse a inclusión no Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña da obra de reforzo do firme na vía pública municipal en Frades-Enfesta, cun orzamento de 33.693 euros.

Premio Compostela de Álbums Ilustrados
En Educación, aprobouse a convocatoria do VI Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, por importe de 9.000 euros, dos que 8.000 son achegados polo Concello e 1.000 por Kalandraka Editora.

Xuventude
Finalmente, deuse o visto bo á actualización das normas de uso dos locais municipais de música para a xuventude de Compostela. (Xúntanse as normas)

Compartir: