COMERCIO

Unhas xornadas analizarán en Santiago as novas tendencias en blogs de moda e comercio electrónico

11/10/2012 A concelleira de Comercio e Turismo, Reyes Leis, presentou as I Xornadas de Blogs de Moda e Comercio Electrónico, que se celebrarán en Santiago os días 19 e 20 de outubro.

As primeiras Xornadas de Blogs de Moda e Comercio Electrónico (en diante as expoñerán e analizarán as novidades e tendencias relacionadas co comercio electrónico, as redes sociais, as TICs, a internacionalización on-line e os blogs de moda, como caso de éxito onde conflúen todos estes elementos e xeran na sociedade unha nova forma de relacionarse, de ocio, de difundir información, e por suposto, novas oportunidades de negocio nas que todas as persoas se encontran só a un "clic" de distancia. En definitiva: as oportunidades e retos que xorden ante os actores do actual mundo ampliado, suma do real e do virtual.

A concelleira convidou á participación nestas Xornadas, que son un reflexo da "potencia do sector téxtil de Galicia". Ademais, dixo, son unha oportunidade para que, ademais de falar de moda, sexan un foro no que tamén se fale de Santiago.

Na rolda tamén participou a directora de Marketing do evento, Nuria Rodríguez, quen indicou que xa hai uns 250 inscritos nas Xornadas. Apuntou como dato revelador da magnitude e difusión da temática das Xornadas que as blogueiras participantes reciben máis de oito millóns de visitas ao mes, por non mencionar os clientes e vendas on-line das empresas participantes.

Estas Xornadas involucran a persoas e empresas que actúan exitosamente en Internet e no marketing e comercio electrónico e que, ademais, pertencen a un dos poucos sectores da economía española que non senten a crise económica actual. Tamén colaboran diversas institucións, coma o propio Concello de Santiago.

As Xornadas celebraranse o 19 e 20 de outubro no Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC). Alí e tras o último relatorio do venres 19, presentaranse nun desfile os vestidos-xoia creados por Alalá. Posteriormente, no Hotel Araguaney, celebrarase unha cea e unha festa.

Comunicadores, empresarios, deseñadores e amantes da moda
Estas xornadas van dirixidas a comunicadores, empresarios, deseñadores e amantes da moda. Así, as axencias comunicación e os community managers poderán apreciar o valor e potencial dos millóns de visitas mensuais que as blogueiras xeran cara aos seus blogs grazas á súa capacidade para emocionar as persoas e constituír con elas comunidades de seguidores receptivos ás súas mensaxes e opinións. Pola súa parte, as empresas, especialmente as PEMES, confirmarán a inaprazable necesidade de relacionarse, promoverse e vender a través de Internet, un escaparate mundial cunha única fronteira: a creatividade. As cifras de facturación de empresas que decidiron desenvolver a venda online así o reflicten.

Outro colectivo ao que se destinan as Xornadas é o dos deseñadores e profesionais da moda, que teñen unha unha oportunidade de constatar que o universo Blogger é unha poderosa e eficaz canle para lanzar as súas coleccións. Neste sentido, as blogueiras compartirán as súas experiencias cos deseñadores e as marcas. Finalmente, calquera amante da moda poderá descubrir as mellores formas de expresala, comunicala e difundila no mundo 2.0 a través do desenvolvemento de blogs.

Documentos relacionados



Compartir: