CULTURA

O Programa de Abono do Auditorio ofrecerá 33 concertos na nova temporada

12/09/2012 O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Ángel Currás, presentou a temporada de concertos do Auditorio de Galicia para o período 2012/2013, que comezará o 4 de outubro. Durante a mesma, o público será testemuña do paso da batuta de director titular de Antoni Ros Marbà a Paul Daniel, quen asumirá a dirección artística da Real Filharmonía de Galicia dende o 1 de xaneiro de 2012. En total serán 33 concertos, 26 dos cales protagonizaraos a propia Filharmonía.

A temporada comezará coa soprano Sandrine Piau, á que se unirán, como solistas convidados, algúns dos mellores nomes do panorama europeo: os pianistas Josu de Solaun, María Joâo Pires, Ingrid Fliter, Nicolai Lugansky, Kirill Gerstein; os violinistas Frank Peter Zimmermann, Ilya Kahler, Renaud Capuçon; o viola Lawrence Power; os cellistas Daniel Müller-Schott e Nicolas Alstaedt e a soprano Beatriz Díaz, entre outros. No panorama coral destaca a presenza xunto á RFG de The Sixteen (con Harry Christophers como director do concerto) e do Coro Gulbenkian, que pechará a temporada en xuño de 2012 coa Misa en si menor de Bach.

Como directores invitados destacan as repeticións, despois dos seus éxitos xunto á agrupación galega en pasadas tempadas, de Christoph König, Manuel Hernández Silva e David Afkham.

Destaca tamén a presenza da Orquestra Sinfónica de Galicia, que visitará Santiago en catro ocasións. A temporada de concertos complétase, como nos anos anteriores, co Ciclo de Piano "Ángel Brage", con tres recitais a cargo de Sebastian Knauer, Benjamin Grosvenor e Andrea Lucchesini.

Ademais, a Real Filharmonía seguirá co seu ciclo de concertos didácticos e os seus ensaios abertos, para achegar o seu traballo cotián aos máis novos. Neste sentido, tamén hai que lembrar a continuación do programa docente da orquestra a través da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia, na que se imparte o máster de especialización orquestral, cos músicos da Filharmonía como profesores. Á Escola tamén chegarán os mellores profesionais da música en Europa, para impartir algunha clase maxistral e ofrecer charlas e coloquios.

Venda de abonos e entradas
Como todos os anos, o Auditorio de Galicia ofrece catro modalidades de abono para asistir aos diferentes concertos da temporada, ademais do abono especial para estudantes e xubilados, que supón un aforro do 50%. Tamén se mantén a modalidade de abono colectivo para asociacións culturais e veciñais, escolas de música públicas e centros educativos públicos dos cales se ofrecerán, nesta temporada, 60. Neste momento están todos cubertos polo que, de renovar todos os existentes, nesta modalidade non se poderán facer abonos novos.

O prezo dos abonos individuais é o seguinte: Abono A, para toda a temporada, 319,20 € (contén desconto do 30%); Abono B, concertos de outubro a decembro, 142,80 €; Abono C, concertos de xaneiro a marzo, 140,25 €; e Abono D, concertos de abril a xuño, 104,55 € (estes tres abonos conteñen un desconto do 15%). En canto aos prezos do abono especial, que lembremos que é para estudantes e xubilados e que supón un desconto do 50%, serían: 228 € o Abono A; 84 € o Abono B; 82,50 € o Abono C; e 61,50 € o Abono D. Pola súa banda, o abono colectivo supón un custo de 276 € para toda a temporada.

A renovación de abonos individuais poderase realizar os días 17, 18 e 19 de setembro; a dos abonos colectivos os días 20 e 21 de setembro; e a venda de novos abonos será os días 24, 25 e 26 de setembro. Todos eles na billeteira do Auditorio en horario de 11:00 a 14:00 horas e para a renovación de abonos abonda con chamar aos teléfonos 981 571 026 ou 981 573 979.

Ademais, por suposto, poderán seguir mercándose entradas soltas durante toda a temporada a través de diversas canles:
• Na billeteira do Teatro Principal de 18:00 a 21:00 horas de martes a sábado.
• Na billeteira do Auditorio de Galicia os días de concerto de 18:00 a 21:00 horas ou por teléfono, baixo a forma de pago por tarxeta e poderán ser retiradas ata media hora antes de comezar o concerto.
• En entradas.novagaliciabanco.es as 24 horas do día.
• No 902 434 443 ata 24 horas antes de cada concerto en horario de 8:00 a 22:00 horas de luns a venres, sábados de 9:00 a 14:00 horas, domingos e festivos está pechado.

Novo disco da RFG
A Real Filharmonía de Galicia acaba de sacar ao mercado un novo traballo discográfico, nesta ocasión dedicado a música de Ravel e editado por Warner Music. Ros Marbà dirixiu esta gravación, realizada no Auditorio de Galicia, e contou coa colaboración, como solista, do violinista Benjamin Schmid. O disco componse de dúas coñecidas pezas de Ravel, Ma mere l’oye e Pavana para unha infanta defunta, a obra composta para violín, Tzigane, e unha peza inédita no catálogo de Warner, a orquestración que Ravel fixo do Carnaval de Schumann. Ros Marbá elaborou un magnífico discurso na selección deste repertorio sacado do universo musical de Ravel.

O CD súmase aos últimos traballos da Filharmonía de Galicia, os discos dedicados aos compositores Manuel de Falla e Frederic Mompou, que saíron á luz en 2009. O proxecto artístico da Filharmonía de Galicia no eido discográfico complétase, entre outros traballos, coa colección dos tres Musicontos editados con Galaxia e as sinfonías de Schubert gravadas con Helmuth Rilling nos anos 1998 e 1999. De forma complementaria, os concertos de abono no Auditorio de Galicia son gravados e emitidos posteriormente no programa Allegro moderato, da Radio Galega.

Documentos relacionados



Compartir: