COMERCIO

Concello e Xunta colaboran na formación do pequeno comercio de Compostela

16/11/2011 A concelleira de Comercio, Reyes Leis, e a directora xeral de Comercio, Nava Castro, presentaron o curso de paquetería creativa e a campaña de escaparatismo que organiza a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, dependente a Consellería de Economía e Industria, en colaboración co Concello de Santiago. O obxectivo destas iniciativas é achegar as claves para dinamizar o pequeno comercio en Compostela.

Reyes Leis agradeceu a colaboración da Xunta nesta materia e recalcou a importancia da formación entre os comerciantes. Neste sentido, recordou as iniciativas formativas xa postas en marcha na últimas datas, cunha moi boa aceptación, polo que agarda tamén o "éxito" destes dous cursos.

Segundo explicou Nava Castro, o curso Paquetería creativa está dirixido ao pequeno comercio de Santiago e a establecementos comerciais adheridos á marca Artesanía de Galicia. Preténdese ensinar as últimas tendencias en empaquetado, o uso das formas creativas e o aproveitamento dos recursos que ofrece o produto para destacar a paquetería como a difusión dunha marca. A presentación dun artigo cun empaquetado orixinal está moi valorado polo consumidor. Unha embalaxe diferente e coidada achega un valor engadido ao produto que se vende. A percepción do envoltorio ofrece unha imaxe que reforza a marca.

Consultoría no espazo de venda
Ademais, baixo o lema "Valora o único, compra Artesanía de Galicia", a Fundación e o Concello presentan a Campaña de Escaparatismo de Artesanía de Galicia. Esta proposta desenvólvese nos meses de novembro e decembro, coincidindo coa campaña de Nadal, e a súa intención é a de potenciar a imaxe do establecemento comercial fronte ao consumidor e reforzar a marca Artesanía de Galicia como referente de valor único. A intención é atraer clientes e xerar novas vendas.

Este novo proxecto ten como destinatarios os establecementos adheridos á marca Artesanía de Galicia e os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía da Xunta de Galicia que conten co uso da marca. Consiste nunha consultoría individualizada no propio espazo de venda para a realización dun escaparate, achegando claves para sacar o máximo partido e obter unha correcta iluminación, co fin de conseguir que sexa un elemento de forte atracción.

Un dos obxectivos fundamentais da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño é o de promover a artesanía galega en todas as súas vertentes, poñendo especial énfase na vinculación da actividade artesanal cos hábitos comerciais ao uso, mellorando e potenciando a presenza dos seus produtos nos mercados. A finalidade principal da marca Artesanía de Galicia, propiedade da Xunta, é dar a coñecer o sector artesán galego no seu conxunto baixo unha imaxe común que actúe como aval de prestixio.

Concurso de Escaparatismo
A concelleira aproveitou tamén para anticipar que en breve se presentará a edición de Nadal do Concurso de Escaparatismo. Non obstante, anunciou que esta será a última edición do certame co formato actual, xa que considerou que son poucos os establecementos que se presentan ás convocatorias.

Compartir: