FESTAS

Di Elas e Chenoa abrirán as Festas da Ascensión con dous concertos gratuítos

11/05/2011 O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, presentou en rolda de prensa o programa da Ascensión 2011. En total serán cinco días de festa, do 1 ao 5 de xuño, con 50 actuacións musicais, charangas e pasarrúas a todas as horas e en todas as prazas da cidade, mesturadas con actividades tradicionais de folclore nas rúas, títeres, deportes como a chave ou as novas prácticas urbanas relacionadas co skate, ademais das atracción e postos de polbo na Alameda.

"Estas son as festas máis compostelás, cun programa pensado para o goce das familias en conxunto. Haberá catro escenarios principais: Campus Vida, Alameda, rúas do casco histórico e a praza de Cervantes", explicou o concelleiro. As festas contan cun orzamento de 180.000 euros.

O mércores 1, as festas comezarán co tradicional estoupido das bombas dende a carballeira de Santa Susana e cos pasarrúas de cabezudos e gaiteiros. Pola noite, ás 23:00 horas, o Campus Vida reunirá a toda a xuventude nun concerto gratuíto cos grupos Di Elas e Novedades Carminha. Di Elas é a banda de Luis Tosar, que xunto con Piti Sanz e ao resto de compoñentes, ofrece ao seu público power-rock. Presentan en Santiago o seu primeiro traballo con once temas propios. A continuación tocará o grupo compostelán Novedades Carminha, que presentan o seu último disco Jódete y baila. A banda de Jarri, Carlangas e Xavi é unha das máis divertidas e orixinais propostas do panorama musical galego. Tamén na media noite do mércores soará na praza do Toural o blues e soul de Rico McClarrin & Marcos Coll Band.

O xoves, Día da Ascensión, celebrarase o Concurso Cabalar no mercado de Amio, puntuable para a Copa de Galicia de Pura Raza Galega. Ademais, haberá actuacións de agrupacións folclóricas (Asociación Cultural Rosalía de Castro, Cantigas e Agarimos, Colexiata do Sar, Brincadeira e Ponte Vella) que animarán a xornada nas prazas de Cervantes, Inmaculada, Praterías, Toural e na carballeira de Santa Susana. Pola noite haberá concerto gratuíto de Chenoa no Campus. No Toural entrará en escena o rock burlesque da banda Devil Doll, ás 24:00 horas.

O venres 3, xa ás 22:00 horas, tocará o grupo rumano Sistem no Campus, tamén con entrada de balde. Sistem é o mellor espectáculo musical rumano do momento, avaliado por unha prestixiosa traxectoria internacional, cun amplo repertorio musical, onde a súa orixinal música se fai a través de barrís metálicos e plásticos, combinado con efectos de auga, láser e pirotecnia. O seu show estará acompañado por unha impresionante posta en escena de complicadas coreografías. "Será un espectáculo de percusión moi potente e divertido", indicou Baqueiro. No Toural actuará Leilía, ás 23:00 horas, para presentar en Santiago o seu derradeiro traballo Son de Leilía, un percorrido pola historia do grupo no que se mesturan pezas tradicionais e outras máis contemporáneas.

Ademais, o sábado 4 celebrarase o Compostela Urbana, a partir das 18:00 horas, con exhibicións de graffiti, bmx e skate. Pola noite, actuarán os grupos Pa la Peña, Tramaturgia, 504 e Malandromeda, todo no Campus Vida. Tamén se celebrará a habitual XIII Festa para os nosos maiores. Será o sábado, no recinto feiral de Amio a partir das 14:00 horas. O período de inscrición abrirase a próxima semana na Oficina de Información Turística Municipal, situada na praza de Galicia.

O domingo será o día das Corais de Compostela, coa participación de catro formacións: Coral Alfaia, Irmán Gómez, Castrosúa e o coro invitado, Traíña de Cariño, na Praza do Toural.

Noites en Cervantes
Para os máis pequenos da casa haberá diversas actividades. O xoves poderán entreterse toda a tarde con xogos manuais sorprendentes, coa axuda dos monitores da compañía Garabato de xogo, no Paseo Central da Alameda. E o domingo, o espectáculo de Monicreques de Kukas: Contos do vento acatarrado.

E como programación especial para esta Ascensión, a Concellaría de Festas organizou o festival de Noites en Cervantes: Sons da Cidade Vella, en colaboración coa Asociación Cultual Cidade Vella. Será unha serie de concertos que se celebrarán xoves, venres e sábado a partir das 21:00 horas na praza de Cervantes. Tocarán os grupos Teira Trío, A banda das Crechas, Lobalú Trío, Kana Kaina, That’s Entertainment e Los Chavales.

Orquestras na Alameda:

• Philadelphia (mércores, 23:00 horas)
• Tango (xoves, 22:00 horas)
• Marimba (venres, 22:00 horas)
• Ciclón (sábado, 22:00 horas)
• Magos de España (na Festa dos maiores en Amio, a partir das 14:00 horas)

Documentos relacionados



Compartir: