DEPORTES

A oferta de instalacións deportivas da cidade suma dous novos campos de fútbol de herba artificial en Belvís e San Lázaro

04/05/2011 Belvís e San Lázaro disporán este mesmo verán de campos de herba artificial. Con estes recintos, Compostela disporá xa de cinco campos con este tipo de superficie sintética, xunto cos de Villestro, Santa Isabel e As Cancelas.

O novo campo de Belvís é un proxecto incluído no programa Urbana Santiago Norte, financiando con fondos FEDER. O concelleiro de Deportes, Bernardino Rama, explicou como un recinto para fútbol-7 substituirá ao actual campo de terra, cun investimento de 156.913 euros e data de remate nun mes e medio.

Segundo apuntou, o campo dará servizo ás diferentes categorías dos clubs Belvís e San Pedro, pero tamén ao restantes equipos da cidade que compiten e adestran na modalidade de fútbol-7. A nova instalación disporá de aseos e vestiarios para xogadores e árbitro, iluminación e un peche perimetral.

En canto ao campo de fútbol de San Lázaro (a carón do edificio do SERGAS), que xa dispoñía de gradas e vestiarios, agora colocarase unha nova superficie de herba artificial. Grazas a un convenio coa Deputación da Coruña, investiranse 340.000 euros neste recinto de 107 x 65 metros.

Aquí xogarán e adestrarán os deportistas do Amio e do Vitoria, pero tamén o resto de equipos da cidade nas horas que queden libres. Ademais, dadas as dimensións, o campo tamén se poderá utilizar para dous recintos de fútbol-7. Rama indicou que estará listo a finais de xullo.

Compartir: