CIRCULACIÓN VIARIA

Ábrese o prazo para a solicitude de tarxetas de residentes no barrio de San Pedro

21/01/2011 Dende o luns 24 de xaneiro e ata o 12 de febreiro estará aberto o prazo de solicitude de tarxetas de residentes para os veciños do barrio de San Pedro, segundo anunciou en rolda de prensa a concelleira de Circulación Viaria, Marta Álvarez-Santullano. Nesta área, serán 328 as prazas de residentes dispoñibles permanentemente, ademais doutras 88 libres de día e reservadas de noite. A maiores, quedarán 186 prazas de estacionamento libres.

O barrio de San Pedro será o terceiro que incorpore as áreas prazas de estacionamento reservadas a residentes, tras a posta en marcha en Pontepedriña e, a partir do 14 de febreiro, de Vite e Guadalupe. Neste barrio presentáronse 1.005 solicitudes e concedéronse 680 tarxetas. 113 solicitudes foron denegadas e o resto está pendente de completar a documentación. Das concedidas, xa foron recollidas polos seus titulares preto de 400.

Do mesmo xeito que sucedera en Pontepedriña, unha vez realizado o pintado das prazas e a sinalización horizontal, dáse un prazo de tres semanas para que os veciños e os usuarios dos aparcamentos se familiaricen coa nova situación. En total, son 460 prazas de estacionamento as habilitadas para residentes en Vite, ademais doutras 143 libres de día e para residentes de noite. Libres quedan 112 prazas.

Tal como indicou a concelleira, sumando Pontepedriña e Vite-Guadalupe, xa son 1.500 as solicitudes de tarxetas de residentes presentadas e máis de 1.000 tarxetas concedidas. A seguinte área na que se poñerá en marcha o sistema será na Almáciga, onde haberá 384 prazas de residentes e quedarán 94 prazas libres.

A propósito das solicitudes denegadas, Álvarez-Santullano indicou que se estuda cada unha das alegacións, e que se atenden algunhas e outras non, porque "quedan fóra da propia ordenanza". Indicou que a maioría das denegacións teñen que ver co empadroamento, que se esixe tanto para a persoa como para o vehículo, cunha antigüidade mínima de seis meses en ambos casos. Non obstante, existen excepcións a esta última esixencia, como os que adquiriron unha nova vivenda, que poden acreditar coa correspondente escritura. Recordou tamén o límite de dúas tarxetas por domicilio.

A edil destacou os bos resultados da implantación das prazas para residentes en Pontepedriña, onde "se poden observar diariamente prazas baleiras, polo que ningún veciño ten dificultades para aparcar preto da súa casa". Tampouco agarda problemas importantes en Vite, malia o maior volume de solicitudes deste barrio, no que a concentración de determinados equipamentos tamén obrigou a deixar un bo número prazas libres.

Compartir: