BENESTAR SOCIAL

O Urbana tecerá unha rede social comunitaria no norte da cidade

13/12/2010 A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, presentou o Programa de dinamización social, igualdade de oportunidades e de formación e educación de colectivos en risco de exclusión, encadrado na iniciativa Urbana Santiago Norte. Este proxecto permitirá por en marcha actuacións en materias como o apoio, acollida e integración de inmigrantes ou de dinamización sociocultural e integración para o colectivo xitano.

Esta acción do Urbana Santiago Norte abarcará os seguintes ámbitos: participación e dinamización social; promoción da autonomía persoal; inclusión social e intervención socio-educativa comunitaria para a integración de colectivos en risco de exclusión con familias, infancia e mozos/as en situación de desvantaxe social. Trátase, segundo indicou a concelleira, de detectar e atender as necesidades dun ámbito, o do norte da cidade, que abarca diversas problemáticas, que van dende a rexeneración urbana de Salgueiriños ata o envellecemento de zonas como Vite.

Para facer fronte a todo isto, está xa a traballar un equipo formado por traballadoras sociais, avogadas, educadoras ou integradoras. O seu obxectivo, segundo indicou María Jesús Taboada, coordinadora do Equipo de Benestar do Urbana Santiago Norte, é "potenciar e cohesionar os recursos que xa existen", promovendo unha "rede social comunitaria" que canalice as demandas da zona.

Dito doutro modo, trátase de facilitar un desenvolvemento equilibrado e a cohesión social da poboación dos barrios da zona norte. Ademais, búscase potenciar procesos de democracia participativa que permitan aos cidadáns deseñar o entorno no que desexan vivir, que incidan no aumento do desenvolvemento cultural dos veciños da zona de actuación.

Exposición inaugural
Para dar a coñecer o Urbana Santiago Norte, organizouse unha exposición fotográfica, que se inaugurará o 21 de decembro, ás 13:00 horas, na Casa das Asociacións de Benestar Social (CABES), na rúa Manuel María (Salgueiriños). Cando remate o desenvolvemento do programa, alá por 2013, realizarase outra mostra para reflectir o realizado.

Urbanadal
Para este Nadal, o Equipo de Benestar do Urbana Santiago Norte preparou o programa Urbanadal, destinado a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos da zona de actuación da iniciativa. O grupo de participantes é limitado, cun máximo de 20 rapaces.

As sesións terán lugar os días 23, 28, 29 e 30 de decembro, e o 4 de xaneiro, en horario de 10:00 a 13:00 horas. Entre as actividades previstas figuran a elaboración dun mural de Nadal, manualidades, xogos populares e de confianza, un obradoiro de teatro, unha festa de fin de ano e unha preparación e degustación gastronómica.

Urbana Santiago Norte
A iniciativa Urbana Santiago Norte, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER, puxo en marcha unha estratexia integral de rexeneración urbana nos barrios da zona norte. O programa desenvolverase en Vista Alegre, Romaño, Vite, Guadalupe, Salgueiriños, San Caetano, Basquiños, Ultreia, Espírito Santo, A Estila, A Almáciga, San Pedro, Concheiros, Belvís e Quiroga Palacios.

Compartir: