BENESTAR SOCIAL

O Concello elabora unha guía integral contra a violencia de xénero que coordina institucións e simplifica os pasos que deben dar as vítimas

22/09/2010 A Concellería de Benestar Social e Muller vén de editar unha completa e ambiciosa guía baixo o título "Itinerarios de intervención con mulleres para o tratamento e prevención da violencia de xénero". A concelleira Mar Martín presentouna en rolda de prensa acompañada por todos os colectivos (dos ámbitos sanitario, administrativo, policial, gubernamental...) que participaron na elaboración da mesma. Segundo sinalou a concelleira de Muller, son moitos os protocolos que existen á hora de tratar a unha vítima da violencia de xénero o que fai que ésta teña que contar a súa experiencia repetidamente ante varias institucións lembrando deste xeito de forma innecesaria o acontecido. Con esta guía recóllense os recuros existentes, establécese e defínese a actuación de cada institución cun obxectivo básico: unha atención integral á vítima pero simplificada.

A natureza da violencia de xénero (fundamentalmente o feito de que se produza no ámbito familiar e que tradicionalmente teña existido unha ampla tolerancia social ante esas condutas), fai que as mulleres que a sofren se atopen nunha especial situación de indefensión. Por iso é fundamental a intervención coordinada e o establecemento de procedementos homoxéneos de actuación por parte dos poderes públicos, de modo que se garanta unha protección integral: policial, xudicial, sanitaria e social ás mulleres.

As características da violencia exercida contra as mulleres ten levado ás institucións a realizar unha abordaxe integral para favorecer a implementación de estratexias de coordinación entre os diferentes ámbitos e profesionais que interveñen ao longo do proceso como condición necesaria para proporcionar unha atención de calidade ás mulleres en situación de mal trato, sen esquecer a dimensión preventiva.

Tanto a Lei 1/2004, de 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero como a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, recollen e instan a que dende o ámbito local se adopten plans de colaboración.

O compromiso desta concellaría con esta abordaxe integral e coordenada da intervención con mulleres vítimas de violencia de xénero, e co establecemento de procedecementos homoxéneos de actuación, están na orixe do documento que hoxe se presentou.

Itinerarios de intervención
Un Itinerario de intervención, é un documento de traballo que ten a muller como centro, identifica o percorrido que fai para poder solucionar os seus problemas, sociais, legais e de saúde, relacionados coa violencia para poder saír dela. Explica a organización da resposta ou solución que se lle presta ante unha situación de violencia exercida contra as mulleres:
oIdentifica institucións e persoas ás que recorrer, en que momento facelo, de que maneira e con que obxecto.
oClarifica as competencias e responsabilidades de cada unha.
oImplica a posta a disposición de medios materiais e humanos por parte de cada unha das entidades que participan.
oExpresa o compromiso asumido por cada unha delas na resposta a proporcionar ante as situacións identificadas ou descritas como que desencadean a acción de resposta.

Obxectivos do Itinerario de Intervención:
•Incrementar a coordinación interprofesional como elemento necesario para mellorar a atención ás mulleres e aos seus fillos/as: a dimensión multicausal, as consecuencias e o mantemento do proceso da violencia de xénero necesitan unha abordaxe integral e coordinada dos diferentes ámbitos.
•Avanzar na prevención da violencia a través das actuacións e propostas proactivas que eviten a perpetuación das causas e as manifestacións da violencia.
•Evitar a vitimización secundaria facilitando aos profesionais unha formación específica sobre o fenómeno da violencia de xénero que permite, ao mesmo tempo, analizar o modelo de intervención.
•Adecuar, avanzar e innovar: reflexionar sobre proxectos e prácticas que se están desenvolvendo na atención, prevención e/ou investigación que nos permita afondar nos modelos de intervención e fundamentalmente, nos retos e nas liñas de intervención futuras.
•Identificar as disfunciones do sistema para dar unha reposta común, rápida e eficaz ás mulleres
•Contribuír a conseguir un concello libre de violencia sobre as mulleres. Traballar na erradicación progresiva da violencia dende unha dobre dimensión: avanzar na mellora e na eficacia da atención, e facelo cunha metodoloxía baseada no diálogo dende a diferenza, a pluralidade, e a creación de espazos comúns de consenso.

O desenvolvemento deste traballo levouse a cabo en dúas fases:fase de diagnose e deseño e elaboración do itinerario de cada ámbito de intervención e a fusión dos mesmos, nun itinerario globalizado. A realización da diagnose foi clave para a obtención dunha perspectiva clara de todos os recursos e obstáculos, eivas e vantaxes e dun panorama válido da situación. É unha maneira de coñecer como se traballa, de coñecer ás persoas, e de establecer lazos entre elas.. .Realizáronse entrevistas a profesionais dos distintos ámbitos que interveñen directa ou indirectamente na detección e asistencia a mulleres que sofren violencia.

Do ámbito sanitario participaron profesionais do CHUS, Centro de Saúde de Fontiñas, Ambulatorio Concepción Arenal, Punto de Atención Continuada, Xerencia de Atención Primaira e 061. No ámbito social, os implicados son os servizos sociais, o Centro de Información á Muller, a UMAD, a Unidade de Atención ás Migracións, a Secretaria Xeral de Igualdade, a Cruz Vermella e o Punto de encontro. Do ámbito policial participaron a Policía Nacional, Autonómica, Local e a Subdelegación do Goberno. No ámbito sindical sumáronse CC.OO e CIG, mentres que do ámbito xurídico participaron a unidade de psicolxía xurídica da USC, o Instituto de Medicina Legal de Galicia, a Fiscalía, o Xulgado de Violencia de Xénero e o Xulgado de Familia.

O director do IMELGA , Benito López, que falou en nome do todos os colectivos implicados, agradeceu a inicitiva da Concellería porque supoñen "un paso adiante" na solución dun problema con fondas raices. López sinalou que se trata dunha iniciativa "fantástica" que permite aos profesionais implicados coñecer os recursos das outras entidades que ás veces lles son alleos, ofrecer unha mellor atención e coñecer cal é o itinerario que sigue canda vítima.

A guía repartirase en todos os centros con persoal implicado así como ás asociacións de veciños, centros de saúde, universidade e en todos aqueles lugares onde poida chegar ás mulleres vítimas da violencia de xénero.

Documentos relacionados



Compartir: