EMPREGO

Promoción Económica e Emprego habilita un aplicativo a través de internet para inscribirse na Feira do Emprego

11/08/2010 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, habilitou un aplicativo na páxina web www.feiradoempregosantiago.org, que permitirá, ás persoas interesadas, inscribirse, de balde, na I Feira do Emprego de Santiago de Compostela.

Esta Feira celebrarase o 7 e 8 de outubro no Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apio á Empresa (Cersia), situado en San Lázaro. O evento, que conta coa colaboración das entidades que integran o Pacto Local polo Emprego, ten como finalidade servir de punto de encontro entre as empresas ofertantes de emprego e as persoas demandantes de postos de traballo. Preténdese así posibilitar un intercambio de información, contribuír a un mellor coñecemento do mercado laboral por parte de todos os axentes implicados e facilitar os procesos de inserción laboral.

Ao aplicativo Inscrición nas conferencias e obradoiros accédese dende un banner situado na parte dereita de www.feiradoempregosantiago.org. As persoas interesadas teñen que completar os datos que piden (nome e apelidos, teléfono, correo electrónico, data de nacemento, nivel de estudos e situación laboral) e a continuación seleccionar as conferencias e obradoiros nos que desexa participar. De momento poden escoller entre unha serie de conferencias. Conforme se vaian pechando máis actividades, iránse engadindo ao aplicativo.

A I Feira do Emprego de Santiago de Compostela está dirixida a persoas desempregadas ou que procuren unha mellora do emprego (pódense inscribir na Área de demandantes), e a empresas que precisen incorporar persoal (poden inscribirse na Área de empresas). As persoas e entidades interesadas en participar, poden informarse e apuntarse nos banners situados na portada da web www.feiradoempregosantiago.org, á que tamén se accede a través da páxina Concellaría de Promoción Económica e Emprego www.maiscompostela.org. A participación é gratuíta.

Documentos relacionados



Compartir: