MEDIO AMBIENTE

Unha nova guía de peto dá a coñecer o parque de Brandía

15/07/2010 O parque de Brandía conta xa cunha guía propia que o dará a coñecer dun xeito máis detallado entre toda a veciñanza de Compostela. Esta nova publicación correspondese co terceiro volume da colección de pequenas guías de peto dos parques de Compostela e foi presentada no Centro Sociocultural de Vidán pola concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, e José Antonio Mosquera, xefe do Departamento de Parques e Xardíns.

A edil evidenciou que "Santiago é unha cidade que conta cunha gran cantidade e variedade de parques, mais a divulgación destes espazos aínda non é plenamente satisfactoria", malia que "a recentemente publicada Guía Verde de Compostela, elaborada pola Universidade de Santiago e editada por Alvarellos, axudou a cubrir en boa parte esta carencia".

Elvira Cienfuegos lembrou tamén que "en outono do ano pasado iniciamos esta colección de pequenas guías coa do parque do Monte da Almáciga e a da Granxa do Xesto. Unha serie de publicacións que se complementan con esta Guía Verde, posto que incorporan parques de barrio ou periurbanos que quedaron minguados na publicación conxunta ou non están incluídos nela. como é o propio caso deste parque de Brandía, un parque magnífico e pouco coñecido en Compostela, como temos detectado nas visitas guiadas que se organizan aos parques no marco do programa Vive o verán ou en período lectivo cos escolares".

Un parque con dous ambientes
Con máis de 6 hectáreas, o parque de Brandía esténdese pola beira do río Sar, auténtico elemento xerador e vertebrador do parque, que propicia a existencia dunha gran variedade de especies de ribeira, árbores e arbustos, que serven de refuxio a moitas especies de animais e dan sombra e protección a unha gran variedade de especies herbáceas. Neste parque pódense apreciarse dous ambientes ben diferenciados no frontal e na zona posterior á Casa de Brandía.

Pola parte máis oriental chégase ao parque por un camiño beirado de plátanos e camelias que conduce á casa, deixando á man directa os restos da vella carballeira, salpicada por árbores foráneos, algúns pouco frecuentes nos parques como a secuoia. Á man esquerda, varios sendeiros levan ao río ou aos equipamentos deportivos. Xa diante da casa de Brandía, hoxe Centro Sociocultural de Vidán, localízase un fermoso xardín xeométrico, restauración do que se conformou no seu día cando o antigo curtidoiro pasou a ser unha residencia. Alén da casona, prosegue a vella carballeira, á que se incorporaron outras especies autóctonas mentres se escoita a auga do río saltando a presa, que desvía a auga á canle que leva ao extremo do parque. Un paseo entre o río e a canle polo que se chega ao complexo hoteleiro A Quinta da Auga, outrora fábrica de papel.

Historia e puntos de interese
A guía de 24 páxinas a cor conta con fotografías de Fuco Reyes, recoñecido e premiado fotógrafo que achega unha visión estética e suxerinte do parque. Iníciase cunha introdución que caracteriza o parque en liñas xerais, para despois falar das súas orixes, e continuar con puntos de interese que pretenden ser suxestións para unha visita máis demorada. Complétase cunha referencia á antiga fábrica de papel e con planos de localización e de identificación dos puntos de interese e das especies do parque.

Esta publicación ten vontade de ser un punto de partida para aprender do parque e no parque, para coñecer e para valorar. Imprimíronse 2.000 exemplares, que se van distribuír a través dos centros socioculturais e dos centros educativos, ademais de estar a disposición da cidadanía no Centro de Interpretación da Alameda e noutros espazos municipais. Tamén se fará unha distribución domiciliaria nas vivendas do contorno do parque.

Documentos relacionados



Compartir: