EMPREGO

Cersia Empresa centralizará a prestación de servizos a empresas e desempregados

09/03/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, visitou o Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apoio á Empresa, Cersia Empresa, situado en San Lázaro. Esta infraestrutura de servizos permitirá centralizar toda a información e axuda que se preste dende o Concello e outras entidades (coma as colaboradoras no Pacto polo Emprego) ao emprendemento, ás empresas xa constituídas, ás entidades sen ánimo de lucro e as propias persoas desempregadas que buscan información ou orientación laboral, formación en prácticas e, sobre todo, emprego por conta allea ou a través do autoemprego.

O obxectivo de Cersia Empresa é converterse nun lugar de referencia e encontro no ámbito da promoción económica de Santiago de Compostela, pensado e deseñado para favorecer e consolidar as relacións entre os axentes que necesariamente deben implicarse na construción do tecido económico da cidade conforme á diagnose e directrices recollidas no Plan Estratéxico da Cidade. É un edificio pioneiro e innovador, tanto en Galicia como no resto de España. Está deseñado para ser un espazo de referencia, á vangarda na prestación de servizos a empresariado e ao sector laboral. Nace, co apoio financieiro da Deputacion de A Coruña, como unha obra de interese social, como unha estratexia de inserción laboral da Concellaría de Promoción Económica a través dun Obradoiro de Emprego da Consellería de Traballo.

As actividades a desenvolver no Cersia Empresa estrutúranse en torno a tres ámbitos de actuación, intimamente relacionados: apoio á cultura emprendedora, apoio ao emprego, e apoio ao empresariado e promoción económica da cidade. Para garantir esta funcionalidade do Cersia Empresa, habilitouse unha superficie construída de 1.500 metros cadrados dotada de:
o Salón de actos con capacidade para duascentas persoas
o Dez oficinas illadas para a ubicación de proxectos empresariais antes da súa constitución.
o Dúas salas de reunións apropiadas para a realización de mesas de traballo.
o Unha aula de informática pensada para 30 persoas, e dotada dos equipos pertinentes, e acondicionada para usos docentes.
o Dúas aulas de usos múltiples.
o Espazos de carácter multidisciplinar que poden ser acondicionados como oficinas ou espazos para a docencia de xeito rápido e pouco custoso.
o Espazos destinados aos servizos internos do edificio, así como aseos independentes para ambos sexos e aseos adaptados para persoas con mobilidade reducida.

Integrado no entorno, nun espazo de uso público entre dúas prazas e un parque infantil, Cersia Empresa pensouse como un edificio sostible. Conta cunha central de producción fotovoltaica de 5 KW, que alimenta a infraestrutura e produce enerxía para a rede eléctrica e tamén produce enerxía solar térmica para a calefacción do edificio.

Documentos relacionados



Compartir: