ALCALDÍA

"Forma T" fomentará hábitos de seguridade viaria entre máis de 1.000 escolares

02/03/2010 No marco do Programa Municipal de Educación Viaria "¿Onde está o perigo", ponse en marcha un novo programa para fomentar hábitos de seguridade e actividades cívicas entre os escolares. Chámase Forma T e nace da colaboración entre as concellerías de Educación e de Seguridade Cidadá, o fabricante de vehículos Toyota e o Real Automóbil Club de España (RACE).

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou este programa, que se desenvolverá do 2 ao 5 de marzo nas instalacións preparadas ao efecto no paseo central da Alameda. Está previsto que durante estes días máis de 1.000 escolares composteláns de secundaria participen en Forma T.

Os alumnos que acudan ás instalacións do programa disporán de catro talleres formativos. No primeiro deles, sobre a seguridade pasiva no vehículo, poderán experimentar a través dun simulador o que sucede nun choque a 30 km/h, asimilando a importancia do uso correcto do cinto de seguridade e do repousacabezas.

O segundo dos talleres dedícase á seguridade infantil. Os escolares aprenderán que os sistemas de retención infantil son vitais para coidar aos máis pequenos, coñecendo cando e onde deben instalarse dentro dun vehículo.

Os riscos asociados ao consumo de alcohol serán o tema doutro dos talleres. Grazas a uns lentes que simulan os efectos do alcohol, os rapaces entenderán como funciona no organismo e os falsos mitos existentes sobre o mesmo.

O cuarto dos talleres é unha Aula de Seguridade e Sustentabilidade. Na mesma, os asistentes poderán resolver as súas dúbidas sobre a seguridade viaria e recibir unha completa clase sobre os beneficios dunha mobilidade eficiente.

Estas sesións desenvolveranse en horario de mañá. Pero calquera adulto pode achegarse polas tardes ás instalacións de Forma T. Alí atoparan información en materia de seguridade viaria e mobilidade sustentable. Tamén poderán participar nos catro talleres.

Documentos relacionados



Compartir: