LINGUA

Un obradoiro ensinará estratexias comunicativas para atender aos clientes

11/11/2005 A Concellaría de Política lingüística organiza e ofrece aos comerciantes obradoiros de estratexias comunicativas para a atención ao público, cos que se pretende contribuír a eliminar os prexuízos que existen sobre a lingua galega e, consecuentemente, ampliar o seu uso na atención á clientela.

A Concellaría de Política lingüística organiza e ofrece aos comerciantes obradoiros de estratexias comunicativas para a atención ao público, cos que se pretende contribuír a eliminar os prexuízos que existen sobre a lingua galega e, consecuentemente, ampliar o seu uso na atención á clientela.

Con estas actividades formativas trátase de mellorar os aspectos que entran en xogo na situación comunicativa de venda, desde a competencia lingüística ao visaxismo, pasando polo desenvolvemento de capacidades relacionadas coa expresión corporal e oral. Os obxectivos xerais da actividade son, por tanto, mellorar a atención ao público e estender o uso do galego ás situacións comunicativas das relacións comerciais.

Como lle cómpre ao espírito didáctico de calquera obradoiro, a metodoloxía que se emprega é fundamentalmente práctica. O/a alumno/a adquirirá os contidos conceptuais, procedementais e actitudinais mediante a súa participación en actividades centradas na aprendizaxe de habilidades, a partir das cales se vai chegar aos conceptos teóricos e, dun xeito transversal, á mellora das actitudes.

Os obxectivos específicos do obradoiro son:

-Coller conciencia do impacto directo da atención ao público no volume de vendas dun comercio
-Identificar os diferentes tipos de cliente e de situacións de venda
-Desenvolver a capacidade para se adaptar aos distintos tipos de cliente e de situación de venda
-Dominar os elementos que entran en xogo na situación de venda: o corpo, a voz, a vestimenta, a presentación da mercadoría, a lingua.
-Deseñar estratexias de atención ao público.
-Comprender as vantaxes do emprego do galego como lingua de comunicación comercial.

Os contidos do curso estarán baseados en:

-Dramatizacións sobre tipos de cliente e situacións de venda e debate.
-Actividades de desinhibición.
-Actividades de expresión oral.
-Actividades de expresión corporal.
-Actividades sobre prexuízos e estereotipos.
-Actividades de imitación recíproca.
-Presentacións sobre a rendibilidade comercial do galego.
-Deseño de estratexias de atención ao público para a nosa empresa.

Os obradoiros teñen carácter gratuíto e están abertos á participación de calquera persoa que traballe no comercio. Para participar é preciso unicamente presentar unha solicitude no Rexistro Xeral nas datas en que se abra a convocatoria de cada edición, que son anunciadas previamente na web municipal e na prensa local. En cada obradoiro inclúense 20 prazas que serán cubertas por orde de entrada das solicitudes.

O sector socioeconómico ten sido catalogado como o máis remiso á hora de asumir o proceso de normalización lingüística que está a vivir a sociedade galega, e de se incorporar a el. Trátase dun sector onde as inercias desgaleguizadoras están fortemente arraigadas, coa influír dun xeito moi directo e determinante sobre os hábitos lingüísticos dos/as galegos/as, especialmente no ámbito comercial.

Compartir: