COMERCIO

Un novo plan axudará aos comercios a mellorar a súa competitividade

23/11/2009 O Plan de mellora para os comercios en activo axudará aos comercios de Santiago de Compostela no proceso de innovación, modernización, xestión e promoción coa finalidade de incrementar aínda máis a súa competitividade. Esta iniciativa, que conta cun orzamento de 50.000 euros para o desenvolvemento das dúas fases nas que se divide, enmárcase no Plan Estratéxico do Comercio Compostelán, cofinanciado pola Deputación de A Coruña, e que ten como fin impulsar e fortalecer o comercio da cidade.

O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, indicou que editaron 1.600 folletos informativos baixo o lema "A túa estratexia comercial é o noso mellor plan. Participa", para promocionar este programa entre o sector comercial. Os comercios de Santiago teñen de prazo ata o 10 de decembro, para inscribirse na primeira fase do Plan de mellora dos comercios en activo.

A primeira fase denomínase Plans individuais de mellora: cheques de consultaría. Consiste nun servizo personalizado e gratuíto prestado por profesionais e destinado a 35 estabelecementos comerciais que participen no programa. A través dos cheques de consultaría estes profesionais realizarán unha diagnose e elaborarán un informe de necesidades. Neste documento describiranse as áreas de mellora e as posibles solucións ou medidas a adoptar en tres áreas do ámbito comercial:
• Decoración e interiorismo: ofértanse 15 cheques de consultaría
• Xestión de stocks e planificación de custes: ofértanse 10 cheques de consultaría
• Análise da oferta comercial: ofértanse 10 cheques de consultaría

Estes cheques asignaranse en cada unha das áreas por orde de inscrición en rexistro. Un mesmo comercio poderá inscribirse para participar nunha, en dúas ou nas tres modalidades descritas. O formulario de inscrición e a información sobre o plan pódese descargar da páxina web www.maiscompostela.org, ou solicitar nas oficinas da Concellaría de Promoción Económica e Comercio e en Atención á Cidadanía. Unha vez cuberto, ten que entregarse en calquera dos rexistros cos que conta o Concello de Santiago.

Asesoramento
O seguinte paso é o asesoramento para a solicitude de subvencións para incentivar as melloras descritas no informe de necesidades, a través de outros organismos ou da propia Concellaría de Promoción Económica e Comercio, que establecerá unha liña propia de axudas: o Concurso de Proxectos. O prazo de inscrición está previsto que se abra no primeiro trimestre do ano 2010. Otorgaranse nove premios aos mellores proxectos presentados, dentro das categorías especificadas na primeira fase. Son:
• Decoración e interiorismo: con tres premios de 5.000, 2.500 e 1.000 euros.
• Xestión de stocks e planificación de custes: con tres premios de 5.000, 2.500 e 1.000 euros.
• Análise da oferta comercial: con tres premios de 5.000, 2.500 e 1.000 euros.

Nesta convocatoria poderán participar, igual que no resto de programas da Concellaría de Promoción Económica e Comercio, todos os comercios de Compostela, aínda que os estabelecementos avaliados contarán cunha base moi importante para presentar ao concurso: o informe de necesidades e posibles melloras elaborado durante a primeira fase do Plan integral de mellora para os comercios en activo.

Documentos relacionados



Compartir: