CONSORCIO

Montevideo logra o Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana 2009

02/11/2009 O xurado do Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana, creado e organizado polo Consorcio de Santiago, designou o proxecto Muralla Abierta, da Cidade Vella de Montevideo (Uruguai), promovido pola Intendencia Municipal de Montevideo, como gañador da terceira edición do Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana, de entre un total de 29 proxectos presentados. Todos eles pertencen a 14 países latinoamericanos. O xurado tivo en conta o impacto do proxecto na revitalización da zona, así como a relación entre o importe do premio (180.000 euros) e o orzamento de execución das obras (215.000 euros).

O proxecto Muralla Abierta permitirá poñer en valor un importante treito da muralla de época colonial española e incluíla nun novo espazo de convivencia conformado por unha praza cuberta e diferentes salas de usos culturais, tales como unha biblioteca, varias escolas-taller ou un anfiteatro. En definitiva, un novo espazo público no acceso norte ao casco histórico da capital uruguaia.

Muralla Abierta vai permitir o crecemento en materia de formación cultural da poboación, polo cal o novo espazo será un catalizador social e de reforzo da identidade da Cidade Vella de Montevideo. Así mesmo, o proxecto pon en valor vestixios da colonia española, o que engadirá un novo atractivo na zona. Por último, o proxecto gañador incoporarase no circuíto turístico da Cidade Vella de Montevideo, como una estrutura flexible de encontro e intercambio cultural.

Os traballos permitirán recuperar un espazo hoxe degradado coa construcción dunha praza cuberta ao redor da cal se dispoñerán diferentes espazos de usos culturais que terán como telón de fondo treitos da antiga muralla. Está previsto que estes espazos de uso cultural alberguen, ademais dunha biblioteca, un taller de produción e ensino de monicreques, talleres-escola de danza histórica vinculadas á cultura afrodescendente e talleres-escola de formas musicais tradicionais como a murga, de clara identificación uruguaia. Será, polo tanto, unha actuación de alto impacto social nun espazo emblemático como é a Cidade Vella de Montevideo.

Finalistas
O xurado do Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana decidiu ademais designar como finalistas os seguintes proxectos:

- Primeiro finalista: proxecto De la ciudad a la región, no complexo cultural San Martín na cidade de Azul, na provincia de Buenos Aires (Arxentina)

- Segundo finalista: proxecto Parque Bicentenario, na cidade de Medellín (Colombia)

- Terceiro finalista: proxecto Reanimación urbana de la Avenida del Puerto, de La Habana (Cuba)

Premio consolidado en Latinoamérica
Tras a súa deliberación, os membros do xurado recoñeceron a importancia que este premio ten para Latinoamérica, así como o traballo realizado polo Consorcio de Santiago para a súa convocatoria, facéndoo extensible á Axencia Española de Cooperación Internacional e Desenvolvmento (AECID) e á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia. A importante participación rexistrada nesta edición demostra que o premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana está plenamente consolidado dentro dos países de América Latina.

O Premio pretende recoñecer e estimular iniciativas públicas de creación e recuperación de ámbitos de cohesión nas cidades históricas de América Latina a través da transformación e mellora de espazos urbanos. Dotado con 180.000 euros, o premio está a fomentar proxectos urbanos aínda non executados, tanto de nova creación como de remodelación, rehabilitación ou restauración, a desenvolver nas cidades históricas dos países latinoamericanos.

Dende a súa primeira convocatoria en 2007, xa se teñen presentado ao premio un total de 90 proxectos procedentes de practicamente a totalidade de países de América Latina.

O xurado estaba formado por Xerardo Estévez en calidade de presidente, e como vocais Nuria Sanz Gallego, María Luisa Cerrillos Morales, Manuel Herce Vallejo, Javier Ramos Guallart, Francisco López Morales, e Juan Luis Isaza Londoño.

Documentos relacionados



Compartir: