CONSORCIO

O Consorcio lanza un novo plan de axudas para o mantemento de edificios da cidade histórica

27/07/2009 O Consorcio de Santiago, coa colaboración do Concello, a través da Oficina da Cidade Histórica e Rehabilitación, dentro das súas políticas de recuperación urbana, inicia unha nova liña de axudas aos cidadáns para o mantemento de edificacións. Baixo o lema "Ter é manter", o Consorcio pon en marcha o Programa de axudas ao mantemento da envolvente exterior e dos elementos comúns interiores das edificacións da cidade histórica de Santiago de Compostela, que comeza cun orzamento de 200.000 euros nunha primeira fase.

O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou estas axudas, aprobadas pola Xunta de Goberno local o 14 de xullo. Á espera da súa publicación no BOP, estímase que o prazo de presentación de solicitudes estea aberto durante os meses de setembro e outubro. A axuda será do 50 % do custo de execución das obras de mantemento e o 50% dos honorarios profesionais.

Poderán ser beneficiarios das axudas propietarios, arrendatarios ou titulares dalgún dereito de uso sobre o inmoble. O uso principal do edificio deberá ser o de vivenda, estar dentro do ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica, ter suficiente seguranza estrutural e estanquidade fronte á chuvia e unha antigüidade superior a 5 anos. As solicitudes presentaranse na Oficina Municipal da Cidade Histórica e de Rehabilitación (OCIHR), nos baixos do Pazo de Vaamonde (rúa do Vilar, nº 59).

Cuberta, fachadas, galerías e carpintarías
No período de 12 anos subvencionarase a realización dunha acción de mantemento intensa no edificio que comprenda cuberta, fachadas, galerías e carpintarías de madeira. Ademais, neste período volverase tres veces máis á cuberta e unha vez máis ás fachadas de orientación sur e oeste, as máis afectadas polo sol e pola combinación de auga e vento, que incluirá o mantemento das galerías e carpintarías de madeira. Nestes 12 anos subvencionarase ademais unha actuación sobre os elementos comúns interiores (escaleiras, por exemplo).

Para acceder á axuda será necesario contar cun Plan de Mantemento a 12 anos, axustado á realidade construtiva do edificio e co ditame favorable do informe sobre o estado de conservación do edificio que asegure o seu bo estado, e por tanto a posibilidade de investir en labores de mantemento.

Os elementos que constitúen a envolvente exterior dun edificio e dos elementos comúns catalogados interiores son, por exemplo:

• Fachadas (principias e medianeiras): carpintarías (portas, ventás e galerías), revestimentos, elementos arquitectónicos e/ou decorativos (soportais, pilastras, balcóns, cornixas reixas…), frontes comerciais (escaparates e rótulos).
• Cubertas: estrutura portante de madeira, material de cubrición, canlóns e baixantes, lucernarios, elementos arquitectónicos e/ou decorativos (chemineas, baixo cubertas, pináculos, gárgolas…).
• Redes de accesos: carpintarías, revestimentos, elementos arquitectónicos e/ou decorativos.
• Comunicacións verticais: Estrutura, revestimentos, elementos arquitectónicos e/ou decorativos.
• Sistemas estruturais verticais de muros de carga e horizontais de madeira.

Ter é manter
Ademais, "Ter é manter" quere concienciar á cidadanía en xeral, e aos veciños da cidade histórica de Santiago en particular, da importancia da cultura do mantemento, clave para a conservación do patrimonio de Compostela, declarado Patrimonio da Humanidade en 1985. Esta campaña ven acompañada dunha imaxe innovadora baseada en animación gráfica, e conta cunha web propia (www.teremanter.eu), onde informarse sobre cómo solicitar as subvencións.

Exemplo
A realización das obras de mantemento da envolvente exterior dun edificio tipo da cidade histórica de Santiago de Compostela de planta baixa e dúas alturas e 120 metros cadrados por planta, e dos seus elementos comúns interiores, durante os próximos 12 anos, supón un custo mensual de 15 euros para cada un dos 3 propietarios, unha vez descontada a subvención.

Direcciones relacionadas



Compartir: