PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica impartirá 13 cursos por teleformación a través da súa páxina web

16/06/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, anunciou a apertura do prazo para inscribirse en 13 novos cursos do Plan de Formación 2009, a través dos que se poderán formar 195 persoas. Impartiranse a través da modalidade de teleformación, concretamente a través dunha Plataforma de formación on-line que se subirá en breve á páxina web da Concellaría: www.maiscompostela.org.

O obxectivo destes cursos é mellorar as capacidades e competencias dos traballadores do sector industrial e empresarial da cidade, incluído o sector comercial, así como das persoas que recentemente teñen posto en marcha unha iniciativa empresarial.

O prazo de presentación de solicitudes establécese entre o 17 de xuño e o 1 de xullo. Contan con 15 prazas cada un e están destinados a persoas desempregas e a persoas que estean traballando nunha empresa situada en Compostela ou empadroados no Concello de Santiago, excepto empregados/as das administracións públicas.

As 13 especialidades que se impartirán suman 355 horas lectivas e son: Habilidades directivas, Calidade, Loxística integral, Liderazgo e xestión de equipos, E-marketing, Organización e comunicación na empresa, Xestión Laboral, Presentacións eficaces, Atención á clientela, Xestión Tributaria, Xestión contable, Axudas públicas, e Marqueting e PEMES. O sistema de teleformación está pensado para facelos máis accesibles a un público que ten serias limitacións para seguir horarios fixos e participar en actividades formativas de carácter presencial.

As persoas interesadas nalgunha destas accións formativas poden inscribirse a través da web www.maiscompostela.org, no apartado Plan de Formación, ou ben entregar a solicitude de inscrición adxunta debidamente cuberta en calquera dos rexistros xerais cos que conta o Concello de Santiago de Compostela. O Plan de formación conta con 26 accións formativas gratuítas, 13 presenciais e 13 por teleformación. Suman en total 929 horas lectivas, e ofertan un total de 425 prazas.

Capacitación profesional
A Concellaría de Promoción Económica deseñou este plan tendo en conta a difícil conxuntura económica actual, co obxectivo de que as persoas beneficiarias aumenten a súa capacitación profesional mediante a mellora das súas habilidades ou a adquisición de novos coñecementos que amplíen as súas expectativas de inserción laboral, mellorando así a calidade dos recursos humanos dos que dispoñen as empresas da cidade e, polo tanto, a competitividade das mesmas.

O Plan de Formación conta cun orzamento de 122. 253 euros, divídese en tres partes. Unha destinada ao sector da construción, na que se programaron 12 cursos co obxecto de mellorar a cualificación das persoas desempregadas ou que traballan nesta actividade. Outra dirixida ao sector industrial e a persoas que recentemente puxeran en marcha unha iniciativa empresarial, na que se organizan estas 13 accións formativas por teleformación. E unha terceira dirixida a persoas propietarias ou empregadas do sector comercial e hostaleiro, na que está incluído o Curso de inglés para a atención de persoas estranxeiras, de 240 horas lectivas, no que continúa aberto o prazo de inscrición.

Documentos relacionados



Compartir: