FESTAS

Nena Daconte, Los Delinqüentes e o rock, protagonistas musicais dunhas festas da Ascensión con máis de 70 actividades

13/05/2009 O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, presentou o programa completo da Ascensión 2009, con máis de 70 actividades que se estenderán durante os cinco días de festa, do 20 ao 24 de maio.

Segundo Baqueiro, serán cinco días "frenéticos", con actividades durante toda a xornada, charangas e pasarrúas continuos, mesturadas coas actividades tradicionais e as novas aficións e deportes urbanos. "Son unhas festas únicas, uns días pensados para que a xente de todas as idades poida gozar e vivir a Ascensión de Compostela, as festas da cidade", explicou .

O primeiro día, o mércores 20, realizarase o disparo das bombas para anunciar o comezo das festas. A partir do mediodía os gaiteiros, cabezudos e charangas inundarán as rúas e prazas da zona vella. Pola noite, ás 23:00 horas, a música chegará da man de Los Delinqüentes, un dúo andaluz que presenta en Santiago o seu novo traballo Bienvenidos a la Época Iconoclasta. "A súa música fusiona o ritmo da súa terra natal cun pop burlesco moi preto ao funky", indicou o concelleiro. Como teloneiros actuará Liridade Noctámbula, gañadores da categoría doutras músicas no II Certame MúsicaXove. Á medianoite actuará o grupo de reggae Black Ghandhi no Toural.


Xa o xoves, o día grande da Ascensión e festivo na cidade, terá lugar o Concurso Cabalar no mercado de Amio durante toda a mañá. Ademais, varias agrupacións folclóricas amosarán o seu repertorio durante boa parte do día. Tamén na tarde do xoves comezará a Volta Ciclista da Ascensión coa súa primeira etapa. Pola noite actuará a orquestra Los Trovadores, que no seu descanso dará paso á actuación do grupo revelación do pop español Nena Daconte (a partir das 23:00 horas no Campus Sur), un concerto en colaboración cos 40 Principales. A entrada será gratuíta e antes do concerto poderase gozar coa actuación do grupo nobel compostelán Dirty Sock, gañador en pop-rock do II Certame MúsicaXove.

De xeito paralelo, no Toural actuará o grupo de Nova Zelanda The Jews Brothers Band, que dende as 24:00 horas impoñerá os seus ritmos funky, folk e swing xitano.

Festa Rock Infantil, Nancho Novo e rock para a xornada do venres 22
O venres 22, na Praza Roxa, os máis pequenos terán a súa tarde de gloria cunha Festa Rock Infantil, onde ademais de baile, karaoke, disfraces e maquillaxes, poderán ver unha actuación dun grupo de rock en vivo e en directo, La Banda del Camión. Tamén pola tarde celebrarase na Alameda o tradicional Campionato de Chave, e un pouco máis tarde a actuación da orquestra América. Outra alternativa de lecer para o venres é escoitar un monólogo de Nancho Novo, no Teatro Principal a partir das 21:00 horas, e a continuación a actuación de bOnOvO (música electro-acústica).

A noite será para o rock español de calidade, co Rock na Ascensión. Este festival dividido en dúas xornadas (venres e sábado) contará coa actuación de 12 grupos no Multiusos do Sar. O venres actuarán a partir das 19:30 horas o grupo local Thinking Twice, Pülsar, Boikot, Rosendo, Hamlet e Reincidentes. O sábado tócalles a vez a The Codename, Remake, Barón Rojo, Warcry, Mago de Oz e Def con Dos.

Compostela Skate’09
Como novidade, este ano celebrarase o Compostela Skate’09, un campionato que se celebrará durante todo o venres. Tamén haberá exhibición de breakers, skaters e graffitis. Os dez primeiros clasificados recibirán premios en metálicos (dos 1.000 aos 100 euros), trofeos e material deportivo. Os que resistan a actividade de todo un día de skate poderán ver os Concertoskate’09, coa música de Tramaturgia, Pa la Peña, Mito Escrito, Bronquitis Crónica, Rack Eterno e De La Hoja.

Festa dos maiores e corais para rematar as festas
Como é tradicinal, na xornada do sábado celebrarase a XI Festa para os nosos maiores, no recinto feiral de Amio a partir das 13:00 horas. Contarán con animación de cabezudos, charangas e a actuación da orquestra Lamas. Como é habitual, as entradas xa están á venda na Oficina de Servizos Sociais da Praza de Galicia, polo módico prezo de 5 euros. Poderanse recoller de 9:00 a 14:00 horas. Pola noite, na Alameda actuará a orquestra Fania, e no Toural o brasileiro Pedro Moraes.

O último día de festa pecharemos as actividades coa III Carreira Solidaria Polígono do Tambre. Pola tarde, cinco Corais de Compostela (Coral La Salle, Coto da Nai, Irmán Gómez, Xúbilo e Cantigas e Agarimos) poñerán o punto e final a Ascensión 2009 con música tradicional e habaneiras.

Documentos relacionados



Compartir: