FILM COMMISSION

Santiago celebra a II edición do Festival Internacional de Curtametraxes

17/10/2005 O concelleiro de Turismo de Santiago de Compostela e responsábel da Santiago de Compostela Film Commission, Francisco Candela e Ángel Luis Hueso, catedrático de Historia do Cinema da Universidade de Santiago de Compostela e presidente do xurado do Festival CurtoCircuíto´05 presentaron a II edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, que se celebrará entre os días 18 e 22 de outubro.

CurtoCircuíto´05, o II Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, estréase este ano como cita internacional, coa intención de situar a Compostela no panorama audiovisual mundial e de conseguir que sexa unha plataforma de promoción para novos talentos do sector audiovisual galego e nacional.

SECCIÓNS DO FESTIVAL

A Sección Oficial
É o concurso de curtametraxes. Entre os 300 traballos recibidos nas categorías de ficción, animación e videocreación, elixíronse 60 títulos para competir na Sección Oficial. As curtametraxes recibidas proceden de 18 países (México, Alemaña, Inglaterra, Estados Unidos, Arxentina, España, etc...), e foron estreadas con posterioridade ao 15 de xullo de 2004.

As curtas que concursarán na Sección Oficial do festival foron seleccionadas por un xurado. Exhibiranse durante catro días en horario de tarde e noite no Teatro Principal de Compostela (categorías de ficción e animación) e no novo espazo de experimentación e creación contemporánea A Chocolataria (videocreación). O día 22 de outubro, na Gala de Entrega de Premios, daranse a coñecer as curtametraxes premiadas en cada categoría.

Establécese un premio de 3.000 € máis trofeo para cada categoría, e un premio especial do xurado (Premio Burbullas), consistente en 1.500 € máis trofeo.

Na Gala de Premios, o sábado 22 de outubro, estrearase a curtametraxe "Te quiero mal", da directora catalá Mireia Giró. A rodaxe da curta, a partir do guión gañador do Proxecto Compostela Plató, tivo lugar integramente en Santiago de Compostela a última semana de agosto.

Outro dos premios que se entregará no evento será o Premio do Público á mellor curtametraxe exhibida na sección CurtoCircuíto na rúa.

Compostela Plató
A II edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela comezou co Proxecto Compostela Plató, un concurso de guións de ámbito nacional ao que se presentaron traballos de todo o territorio español. O xoves día 14 de xullo, reuniuse en Santiago de Compostela o xurado, formado por personalidades dos ámbitos audiovisual e literario. De entre os 92 guións que concorreron á convocatoria, o xurado escolleu, por unanimidade, "Te quiero mal", de Mireia Giró. O premio consistiu na produción do guión por un importe de 30.000 €.

A curtametraxe narra a historia de amor entre unha cega (directora musical de éxito) e un integrante do seu coro. Os actores protagonistas son Isabel Naveira e Monti Castiñeiras, e entre os colaboradores están o deseñador Roberto Torretta, a Coral de Bergantiños e a Real Filharmonía de Galicia. "Te quiero mal" estrearase o 18 de outubro no Teatro Principal de Compostela.

SECCIÓN NON OFICIAL

CurtoCircuíto na rúa
Santiago de Compostela converteuse, durante o verán, nun cine ao aire libre. Os amantes do xénero da curtametraxe puideron gozar, nas prazas do casco histórico compostelán, de medio cento de proxeccións de curtametraxes clásicas e actuais do panorama internacional, español e galego. As proxeccións nocturnas, ás que asistiron dúas mil persoas, enmárcanse dentro da sección CurtoCircuíto na rúa.

"Binta y la gran idea", de Javier Fesser, foi considerada polo público a mellor curtametraxe exhibida en CurtoCircuíto na rúa. Este filme, do director de "La gran aventura de Mortadelo y Filemón" e "El milagro de P. Tinto", foi rodada en colaboración con UNICEF no Senegal.

O premio, que se outorgará o día 22 de outubro, consiste en 1.500 € máis trofeo.

Proxecto AVID/HP Non te curtes
Paralelamente á celebración de CurtoCircuíto´05, terá lugar o proxecto Non te curtes-AVID e HP. Cada un dos 40 participantes seleccionados aportará o seu material de gravación e porase a súa disposición un equipo de edición AVID e un titor que os oriente na montaxe da produción. Cada curtametraxe terá un tempo límite de 3 horas para ser montada. A inscrición farase por rigorosa orde de chegada das solicitudes.

Cada día haberá dúas quendas, unha pola mañá e outra pola tarde. Cada noite seleccionarase unha curta montada no día como finalista. As catro curtametraxes seleccionadas serán as finalistas que competirán o sábado 22. O premio será un software AVID valorado en 1.800 €.

Outras actividades
AVID España, xunto con KODAK España e a firma HP organizarán unha festa para o sector con Demo reels, dj´s, etcétera.. A festa celebrarase na Chocolataría O día 20 de outubro ás 22 horas. Ademais Kodak, EPC e Technicolor patrocinan unhas xornadas técnicas de dirección de fotografía para presentar os mais innovadores procesos de posprodución. O curso estará dirixido a directores de fotografía, operadores de cámara, creativos e directores de axencias e operadores de posprodución.

CurtoCircuíto´05 está organizado pola Santiago de Compostela Film Commission, apoiada polo Concello de Santiago e patrocinada pola Deputación de A Coruña e a Fundación Caixa Galicia.

Documentos relacionados



Compartir: