CONSORCIO

Un proxecto de rehabilitación en Lempira (Honduras) logra o Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana 2008

28/10/2008 O xurado do Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana, decidiu designar o proxecto de rehabilitación do Mercado Municipal da cidade de Gracias, na hondureña rexión de Lempira, como gañador entre un total de 37 proxectos presentados.

O proxecto responde a unha estratexia municipal de intervención no espazo público do Mercado co obxectivo de mellorar as condicións do comercio local. Esta intervención, proposta en dúas etapas, inclúe a restauración do edificio orixinal do mercado e a construción dun novo edificio anexo de dúas plantas.

A súa execución contribuirá a mellorar as posibilidades comerciais de producción dos campesiños locais, dinamizar o centro histórico e fortalecer a formación dos mozos da escola Obradoiro de Colosuca, segundo explicou o presidente do Xurado, Xerardo Estévez. Un espazo no que se pretenden desenvolver actividades de carácter social e comercial, contribuíndo deste xeito á mellora do progreso económico da rexión Colosuca. "É un proxecto que, con poucos recursos, promove a creación do benestar", apuntou Estévez, quen tamén destacou a implicación da cidadanía e das institucións nesta iniciativa.

Ademais da contribución económica do premio, dotado con 180.000 euros, interveñen no financiamento global do proxecto o municipio de Gracias e os propios comerciantes do lugar. Así mesmo, a Escola Taller Colosuca e o Instituto Hondureño de Antropoloxía e Historia (IHAH) participarán na execución, asesoramento e supervisión do proxecto.

O xurado do Premio decidiu elixir como finalistas outros catro proxectos: o proxecto urbano 35º na cidade de Medellín (Colombia); a recuperación da Praza do Rollo en Cuenca (Ecuador); a rehabilitación integral da Praza do Cristo na Habana (Cuba); e un parque urbano en Las Piedras (Uruguay).

Estas iniciativas foron elixidas entre as 37 presentadas, pertencentes a 12 países latinoamericanos, nos que hai oito cidades Patrimonio da Humanidade. Nesta edición de 2008 o xurado tivo en conta a repercusión social do proxecto, a súa viabilidade, así como a relación entre o importe do premio (180.000 euros) e o orzamento de execución das obras (302.426 euros).

Unha convocatoria consolidada
O fallo do Xurado foi anunciado nunha rolda de prensa presidida polo alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, quen destacou a importancia de que este Premio "se transforme en algo práctico". Neste sentido, recordou que o proxecto gañador de 2007, a praza pública de San Esteban en San Salvador, está en fase de licitación, co obxectivo de que as obras comecen en novembro e estean rematadas a finais de marzo de 2009.

O alto grao de participación neste Premio fala da importancia que o mesmo está acadando en Latinoamérica, apuntou Luis Suárez, da Axencia Española de Cooperación Internacional e Desenvolvemento (AECID). Este indicou que o galardón é "a expresión da vontade de solidariedade e de apoio á loita contra a pobreza do Concello de Santiago e do Consorcio".

Xunto a Xosé A. Sánchez Bugallo, Xerardo Estévez e Luis Suárez, compareceron dúas integrantes do Xurado, Nuria Sanz Gallego e María Luísa Cerrillos Morales. Tamén estaban no Xurado Manuel Herce Vallejo, Javier Ramos Guallart, Francisco López Morales, e Juan Luis Isaza Londoño,

Compartir: