XUNTA DE GOBERNO

Visto bo ao expediente de expropiación da Casa do Cabildo

07/10/2008 O Goberno local aprobou definitivamente o expediente de expropiación da Casa do Cabildo, tramitado polo procedemento de taxación conxunta por importe de 2.289.170 euros. Quedaron igualmente definidas as partes proporcionais respecto a esta cantidade, por tratarse de dúas parcelas afectadas, tomando como criterio de asignación o valor da fachada.

A Xunta de Goberno acordou tamén solicitar ao Consorcio que proceda ao pago ou consignación do prezo xusto, para realizar a acta de ocupación correspondente. Completado deste trámite, o Consorcio poderá acometer as obras de rehabilitación deste inmoble, situado nos números 5 e 6 da praza de Praterías e no número 1 da rúa da Raíña. O obxectivo do Consorcio é rehabilitar este edificio para convertelo en Centro de Información e Interpretación da Cidade, vinculado ao Museo da Cidade que estará ao carón, no antigo edificio do Banco de España..

UMAD
Na xuntanza deuse conta da aprobación por parte do Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos do proxecto "Mírate; os pais e nais ante situacións que xeran violencia". Esta iniciativa foi solicitada pola UMAD no marco do programa europeo GRUNDTVIG 2, que supón unha achega de 17.000 euros.

Esta actividade estase xa a desenvolver e durará ata o 31 de xullo de 2010. O seu obxectivo é educar a pais e nais na prevención da violencia. Está especialmente dirixido a aqueles pais que necesitan un apoio especial, ao presentar maiores dificultades polo baixo nivel de estudios, por estar en risco de exclusión social, polos seus baixos ingresos ou por ter dificultades de acceso á educación. O proxecto prevé o desprazamento de 12 persoas participantes no proxecto a un país da unión Europea.

Mobilidade
En materia de Mobilidade, a Xunta de Goberno aprobou a cantidade de 30.148 euros para a substitución das lámpadas de incandescencia por outras de leds nos semáforos seguintes: cruce das avenidas Castelao-Burgo das Nacións, cruce rúas Hórreo-Pitelos, cruce rúas Galeras-García Sabell, praza de Ponte Castro e paso de peóns na semirotonda da Choupana.

Acórdase tamén solicitar subvención para esta substitución ao Instituto Enerxético de Galicia (INEGA). Ademais da súa maior eficiencia, estas lámpadas teñen unha vida media de sete anos, en vez do ano das outras.

Deportes
Entre os asuntos aprobados na Xunta de Goberno, en materia de Deportes destaca a ratificación do convenio entre o Concello e o Club Lobelle de Santiago para o bienio 2007-2008, no que se contempla unha achega municipal de 154.500 euros.

Documentos relacionados



Compartir: