SANIDADE

O Refuxio de Bando estrea web

11/07/2005 O Centro Municipal de Protección Animal de Santiago, situado en Bando e dependente da Concellaría de Sanidade do Concello de Santiago, estrea web. Ademais de proporcionar datos e unha ampla descrición sobre este albergue transitorio de animais, na web recóllense consellos sobre o coidado de mascotas, lexislación sobre a materia e outras informacións de utilidade.

A web do refuxio nace co obxectivo de que os animais que chegaron a este lugar sexan acollidos por familias. Ademais, fai un percorrido polas súas instalacións e recolle abundantes fotografías dos animais xunto aos seus datos (nome, idade, peso, e un pequeno relato de como chegaron ao refuxio). E por suposto, inclúe datos útiles para saber que facer no caso de atoparmos un animal abandonado ou de perder á nosa mascota, ademais dun calendario de vacinacións para cans, recomendacións para viaxar con mascota e para coidar animais, como facerse voluntario do refuxio, lexislación, etcétera.

http://refuxio.santiagodecompostela.gal/index.htm indica tamén como chegar ao Refuxio de Bando, que ocupa uns 7.000 metros cadrados dunha parcela de 15.000 e está dividido en catro grandes módulos. O edificio principal alberga a área de atención veterinaria (oficinas, clínica, sala de postoperatorio, cociña, etc.), a de atención ao público e a aula de educación ambiental.

Nos módulos construidos como residencia para animais hai espazos específicos para cans e gatos, ademais de xenerosos patios e espazos comúns para que fagan exercicio e se socialicen. Os Concello de Santiago investiu 395.000 € na construción e dotación deste centro.

Compartir: