XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba a nova Relación de Postos de Traballo do Concello co obxectivo de axilizar os procedementos administrativos

22/07/2024 A nova RPT aproba hoxe crea unha sección especializada na xestión do gasto con catro unidades que permitirá aos departamentos municipais liberarse das tarefas de tramitación de gasto nas que non son especialistas para favorecer a rapidez e a axilidade no Concello. Nesta mesma Xunta de Goberno concéderon 18 licenzas de obra e resolvéronse as axudas ao bonotaxi.

Coa nova RPT actualízase e formalízase un documento que non se revisara dende hai máis dunha década co obxectivo de que recolla e sitúe todos os postos municipais. Para o goberno municipal trátase dun punto de partida e non de chegada xa que "irá mellorándose de maneira paulatina". Recolle o cadro de persoal actual aprobado en 2023 e as modificacións que se aprobaron cos orzamentos, entre as que se atopan novos postos por estabilización, a transformación de postos e a equiparación de niveis e retributiva en postos do mesmo tipo.

Tamén crea unha sección especializada na xestión do gasto, con catro unidades con 12 postos asignados co obxectivo de remodelar como se tramitan os expedientes e a xestión do gasto que agora está distribuída en máis de 50 departamentos, os chamados centros xestores. Esta medida permitirá unificar e centralizar procesos para que poida haber "un maior control e un criterio de rapidez e axilidade" xa que permitirá "liberar aos departamentos de xestión na que non son especialistas".

O obxectivo da medida é "axilizar a tramitación de todo tipo de expedientes, adecuar os procesos de contratación ás necesidades en canto a prazos, eliminación de contratos en precario, maior eficiencia...; executar convenientemente os orzamentos e reducir o período de pagamento".

Concesión de 18 licenzas

O executivo municipal deu luz verde nesta Xunta de Goberno a 18 licenzas, segundo detallou en rolda de prensa o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás. Dúas delas foron para piscinas; tres para rehabilitación de vivendas unifamiliares; 2 para a instalación de ascensores en edificios de vivenda colectiva; 4 para a mellora da eficiencia enerxética e actuacións na envolvente en edificios; 2 para obras de conservación e mantemento de construcións no ámbito da cidade histórica; 1 para unha obra de demolición dun edificio en ruínas que presentaba risco de seguridade, orde emitida polo Concello; 2 para parcelacións de fincas; e outras dúas para a Catedral e o IGVS.

A respecto da licenza outorgada á Fundación Catedral, o concelleiro salientou que se trata da correspondente á fase catro das actuacións que xa comezaron en 2019. Nesta caso, trátase da obra de conservación e posta en valor das fachadas da capela do cristo de burgos ao patio de Xelmírez, que conta cun orzamento de execución material de 144.977,31 €. Lestegás tamén avanzou que se autorizou xa a fase 5, unha obra menor nesa mesma capela.

Por último, Iago Lestegás referiuse á licenza concedida ao IGVS para a construción de 24 vivendas de promoción pública no SUNP-12 do Castiñeiriño, nunha parcela situada a carón da igrexa de 2463 metros cadrados e que se suma á concedida a finais de xuño para outras 12 vivendas nese mesmo ámbito. Ademais, o concelleiro anunciou que "levamos tempo falando co IGVS para cederlles dúas parcelas de titularidade municipal que van permitir ampliar o parque de vivenda pública da nosa cidade" e que permtirían a construción "como mínimo doutras 36 vivendas públicas".

Resolución das axudas para o uso do servizo de taxi

Nesta mesma sesión aprobouse a resolución definitiva da convocatoria para a concesión de axudas individuais para o uso do servizo de taxi como medio alternativo para as persoas con dificultades de mobilidade ou que presentan limitacións para o uso do transporte colectivo. En total, concéderonse 36 axudas por un importe total de 12.300 euros.

As persoas beneficiarias deben estar empadroadas e residir en Santiago, e atoparse nalgún dos seguintes supostos: ter recoñecida unha discapacidade que afecte gravemente á súa mobilidade; ter recoñecida unha discapacidade visual que implique un grao de limitación na actividade igual ou superior ao 75 %; ou estar sometidas a tratamentos periódicos administrados desde calquera centro hospitalario da cidade e que dificulten a condución. Tamén puideron solicitar as axudas persoas residentes no rural que teñan algún tipo de discapacidade, padezan doenzas que lles dificulten a condución, ou sexan maiores e teñan limitacións no acceso ao transporte público por mor da menor cobertura do servizo.

Ademais, deuse luz verde á sinatura de dous convenios de colaboración: co Ateneo de Santiago, cunha achega de 40.000 euros; e coa Asociación Cultural O Galo, por 5.000 euros.

Por outro lado, adxudicouse o contrato que ten por obxecto a prestación do Servizo de desratización e desinsectación no termo municipal de Santiago de Compostela á empresa SANIASTUR por un importe total de 40.975,44 euros.

Compartir: