CULTURA

Pisando Ovos, co seu espectáculo "No intre 1800", abrirá o programa de SCQ Danza

26/04/2007 Presentouse o programa do festival SCQ Danza, que traerá, ate o mes de xuño, catro actuacións. A compañía galega Pisando Ovos será a encargada de inaugurar o programa co seu espectáculo "No intre 1800".

Na presentación, o concelleiro de Cultura, Néstor Rego sinalou que se trata dun novo ciclo para a cidade que nace con carácter de continuidade e de ir medrando ano a ano. Nesta edición, indicou, ademais de "No intre 1800", estarán no Teatro Principal a Nova Galega de Danza, co espectáculo "Engado, ilusionistas de a pé", o 26 de maio; a compañía Erre que erre con "Deberían llover cristais", o 2 de xuño; e Experimenta Danza con "Arte a escena", o 23 de xuño.

O concelleiro de Cultura quixo recalcar que o seu departamento traballou para situar a danza no lugar que lle corresponde e a idea de que SCQ Danza vai máis alá, con máis espectáculos no segundo semestre.

Pola súa banda, o bailarín David Loira sinalou que o espectáculo "No intre 1800" saíu do festival En Pé de Pedra, unha versión de 30 minutos que logo se alongou para convertelo no que agora veñen a presentar ao Teatro Principal. A bailarina Ruth Balbís quixo facer referencia á casualidade de que Pisando Ovos vai representar todos os espectáculos en tan só un mes en tres espazos da cidade, o Teatro Principal, a Sala Nasa e o Salón Teatro.

Descontos nos "Teatros de Compostela"

Por outra banda, a Concellaría de Cultura presentou, xunto con representantes das salas privadas de Compostela, unha iniciativa que baixo o nome de "Teatros de Compostela" promova iniciativas de fomento do teatro e permita unha mellor coordinación entre eles para achegar a súa programación a un público máis amplo.

Os promotores son a Concellaría de Cultura, entre os que se atopan o Auditorio de Galicia, o Teatro Principal e a Zona C; a Sala Nasa; a Sala Yago; e o CDG-Salón Teatro. Con esta primeira iniciativa conxunta quérese estimular o consumo teatral cun desconto do 50 por cento ao presentar unha entrada doutro dos teatros da cidade. Esta iniciativa terá validez até o vindeiro mes de xuño.

No acto de presentación, estiveron presentes, ademais do concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e o xerente do Auditorio, Pablo Rodríguez, un representante do CDG-Salón Teatro, Víctor López Carbajales, e en representación da Sala Nasa, Xesús Ron.

Documentos relacionados



Compartir: