CENTROS SOCIOCULTURAIS

A rede de Centros Socioculturais abre o prazo de inscripción para as actividades do programa "Vive o verán 2022"

03/05/2022 O concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández, acompañado polo concelleiro de Educación, Rubén Prol, presentou hoxe o primeiro bloque de actividades do programa "Vive o verán" que se desenvolverá ao longo do mes de xullo nos CSC de Santiago, e que está dirixido aos máis cativos da casa. En total, ofertarase un total de 942 prazas entre as iniciativas Cativadas de Verán, os Clubs de Verán e as Aulas de Creatividade.

Un ano máis, a Rede de Centros Socioculturais do Concello de Santiago ofrecerá durante o mes de xullo un conxunto de actividades de lecer, socioculturais e recreativas para os máis cativos, dentro do programa Vive o verán 2022.

A partir do vindeiro xoves, 5 de maio, e ata o 20 de maio, permanecerá aberto o prazo de preinscrición para as "Cativadas de verán", que contará cunha oferta de 242 prazas. Trátase dunha actividade con horario extensivo de conciliación de luns a venres, que terá lugar en diversos centros dos barrios da cidade e tamén en centros das parroquias do rural. Así, desenvolverase pola mañá, en horario de 10:00 a 14:00 horas, ampliable de 08:00 a 15:00 h nos centros de Santa Marta, Pontepedriña e Vite; e pola tarde, en horario de 17:00 a 21:00 h, ou de 16:00 a 21:00 h se é preciso, no Centro Sociocultural da Trisca. Para esta actividade, hai dispoñibles 102 prazas para distintas franxas de idade, comprendidas entre os 4 e os 12 anos.

Para os CSC do rural ofertaranse un total de 140 prazas en horario de 10:00 h a 14:00 h, ampliable a 09:30-14:30, que estarán dispoñibles nos centros de Figueiras, Gracia, Laraño, Lavacolla e Nemenzo.

Clubs de verán
Durante a rolda de prensa, se presentaron tamén os Clubs de verán, con actividades que se desenvolverán todas as mañás do mes de xullo, entre as 10:30 e as 12:00 da mañá; e das 12:30 á 13:30. Terán lugar nos centros socioculturais das Fontiñas, no do Castiñeiriño, no de Conxo e no do Ensanche (neste caso en horario de 11 a 13:30), ofrecendo actividades de carácter educativo, cultural e de lecer, priorizando os espazos exteriores dos centros e fomentando unha convivencia saudable e segura atendendo ás pautas e normativas sanitarias.
A inscrición nestes clubs, que son de balde, farase para cada semana de xullo, en catro quendas. En cada unha das semanas ofértanse 100 prazas.

O CSC de Fontiñas tamén porá á disposición dos menores entre 5 e 12 anos, a Aula de Creatividade, na que a rapazada poderá desenvolver a súa imaxinación. En total ofertaranse 20 obradoiros de 15 prazas cada un que se desenvolverán de luns a venres en horario de 11 a 13 h. A inscrición poderá facerse no propio centro.

Inscrición
As follas de preinscrición poderán descargarse na páxina web do Concello, e tamén se poderán recoller nas conserxerías dos Centros Socioculturais. As familias interesadas poderán achegar a documentación cuberta a través do correo electrónico viveoveran@santiagodecompostela.gal. Toda a información detallada sobre as actividades estará dispoñible no folleto adxunto.

Compartir: