REHABILITACIÓN

A listaxe Limiar, para a rehabilitación de vivenda, abre un período extraordinario e abreviado de inscrición

18/06/2020 Co fin de elaborar novas estratexias e programas de rehabilitación, así como da definición das próximas convocatorias de axudas á rehabilitación, e atendendo á actual situación de crise sanitaria, a Concellaría de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica abre un período extraordinario de inscrición no Limiar, a listaxe municipal de propietarios de edificios residenciais implicados en actuacións para a súa rehabilitación.

Establécese un procedemento abreviado de inscrición, que se realizará de xeito telemático a través dun formulario habilitado na web municipal. A documentación obrigatoria debe achegarse en función da súa dispoñibilidade, non sendo necesario aportala xunto con formulario. Debe remitirse en formato PDF:

• Acta ou certificado da xunta de propietarios que inclúa o compromiso de rehabilitación (Comunidade de Propietarios).

• Copia escaneada do documento que acredite a titularidade do edificio por parte do promotor da actuación.

• Orixinal dixital do proxecto técnico das obras redactado por técnico competente ou memoria técnica, segundo o caso.

• Copia escaneada do orzamento ou orzamentos das actuacións, honorarios técnicos e administrativos.

A inclusión dun edificio e os seus propietarios na listaxe Limiar non representa directamente dereito a obter subvención ningunha, só o recoñecemento da súa implicación en función da cal establecerán os criterios de prelación para a adxudicación de axudas para actuacións de rehabilitación, coherentes coas consideradas nas bases do programa, segundo se regule nas súas correspondentes bases e convocatorias.

Edificios e actuacións
Os edificios susceptibles de ser incorporados á listaxe Limiar son os de uso residencial unifamiliar ou colectivo incluídos nos ámbitos das áreas de rehabilitación integral (ARI) con que conta o Concello: Cidade Histórica, Vite, Vista Alegre e Pontepedriña. Tamén poden acceder á listaxe os edificios residenciais que queden fóra destes ámbitos declarados ARI que non foran edificados con licenza de obra de acordo ao Plan Xeral de Ordenación Urbana do ano 1989, e nos que: o uso residencial colectivo ocupe ao menos un 70% da superficie construída sobre rasante, e a porcentaxe de vivendas que constitúan o domicilio habitual dos seus propietarios ou arrendatarios sexa ao menos o 50%.

As obras subvencionables son as de accesibilidade, priorizando en xeral a instalación de ascensores; as de mellora da eficiencia enerxética e as de adaptación á normativa, referidas a zonas comúns en edificios de vivendas.

Direcciones relacionadas



Compartir: