UMAD

Un novo taller da UMAD axudará a pais e nais a abordar o tema das drogas

22/02/2007 O 2 de marzo comezará na sede da UMAD o taller "E as drogas ¿que? ¿como abordamos o tema das drogas con respecto aos nosos fillos/as?", organizado no marco do Programa de pais e nais para a educación, baixo a concepción da capacidade preventiva que ten a familia. O obxectivo do obradoiro é proporcionar estratexias e información aos pais e nais que axuden a abordar o tema das drogas cos seus fillos/as e potenciar os recursos preventivos que xa posúen.

No taller trataranse cuestións como a información sobre as principais substancias, a capacidade preventiva da familia, a visión das drogas por parte dos adolescentes e os factores de risco nas familias. Utilizaranse como recursos breves exposicións sobre os contidos, o traballo en grupo, o debate, a representación de situacións reais e a participación de dous adolescentes para escoitar a súa visión. O curso será impartido por María José Blanco Freire, psicóloga responsable do Programa de atención a adolescentes da Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD).

O obradoiro desenvolverase os días 2, 9, 16 e 23 de marzo, en sesións de 18 a 20 horas. Para os pais e nais que participen e que o precisen disporase un servizo de ludoteca gratuíto. A admisión no obradoiro farase por orde de inscrición, enviando a ficha ao Fax 981 528 780 ou ao enderezo electrónico: mjblancof@santiagodecompostela.gal. Máis información nos teléfonos 981 528 787 ou 981 528 767.

Documentos relacionados



Compartir: