ORZAMENTOS

Os orzamentos para 2007 aumentan en 15 millóns de euros con respecto ao ano pasado

20/12/2006 O concelleiro de Facenda e Orzamentos, Xoaquín Leiceaga, presentou esta tarde a memoria dos orzamentos do Concello, que se analizarán mañá, xoves 21, na Xunta de Goberno extraordinaria, e que se aprobarán, previsiblemente, no pleno ordinario do día 28 de decembro.

O exercicio de 2007 importa 114.885.943,31 euros en ingresos e 110.385.943,31 en gastos, cun superávit inicial de 4,5 millóns de euros.

Segundo explicou Xoaquín Leiceaga, nos últimos anos o orzamento de Santiago superou en valores por habitante aos das restantes cidades galegas. Para o vindeiro ano, e tendo en conta aos organismos autónomos municipais, os ingresos por habitante en Compostela aproximaranse aos 1.250 euros.

En comparación interanual, o orzamento municipal aumenta en algo máis de 15 millóns de euros debido aos aumentos notables do conxunto dos ingresos e, sobre todo, ao crecemento dos ingresos derivados de aproveitamento urbanístico ou alleamento de parcelas, froito da culminación dalgunhas operacións previstas no planeamento municipal.

Empregando o orzamento consolidado, incluíndo organismos autónomos e empresas municipais, as cifras de 2007 sitúanse en 173,1 millóns de euros, en ingresos, con case 20 millóns de euros adicionais sobre o exercicio previo.

Este aumento débese sobre todo ao crecemento dos recursos propiamente municipais e á consolidación do volume de actuación dos organismos autónomos e empresas municipais.

A comparación interanual do volume total de ingresos indica un aumento das previsións iniciais do orde de 15,3 millóns de euros.

Entre as principias características do novo orzamento, cabe destacar que continúa a estratexia de saneamento financeiro que deseñou o Plan de Saneamento Financeiro 2004-2007.

Por outra banda, faise unha aposta pola mellora dos servizos públicos e de atención aos cidadáns, procurando o equilibrio social e territorial e polas políticas de calidade urbana.

Documentos relacionados



Compartir: