DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

O Concello de Santiago definirá as estratexias de emprego nos próximos cinco anos en base a un proceso de participación cidadá

27/10/2015 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou no Pazo de Raxoi o proceso participativo que está desenvolvendo a Axencia Local de Colocación para deseñar as estratexias de emprego que se implantarán na cidade nos próximos cinco anos. Trátase dun proceso aberto á participación tanto dos axentes económicos e sociais da cidade como de todas as persoas interesadas, no que polo momento xa teñen colaborado 281 persoas, entre representantes de entidades e institucións, veciños e persoas desempregadas.

O proceso de participación cidadá conta con varias espazos de reflexión e intercambio destinados a conxugar as opinións máis formais dos representantes das entidades e institucións que traballan no ámbito do emprego, as opinións de expertos en temáticas concretas e as opinións dos cidadáns. Os resultados destas múltiples espazos servirán de base para a concreción do próximo Pacto Local polo Emprego, que será a base para a elaboración dun Plan de Emprego.

O espazo máis formal é o da Mesa Polo Emprego, un órgano de participación municipal no que están representados os principais axentes sociais vinculados a este ámbito: Universidade de Santiago, Sindicatos, Cámara de Comercio, Plataforma polo Emprego, Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre e Asociación Hostalería Compostela. O papel da Mesa é supervisar o proceso e validar o documento final en base as liñas marcadas desde o proceso participativo. A Mesa reuniuse o pasado 16 de setembro acordando a apertura do proceso de elaboración do novo Pacto. Ese mesmo día subiuse á web da Axencia Galega de Colocación o aplicativo para participar na elaboración da Estratexia de Emprego. Entre o 6 e 13 de novembro, o Equipo de Redacción do Plan realizará os traballos de redacción dun documento que se aprobará o 19 de novembro.

Nun segundo nivel, deseñáronse mesas temáticas cunha maior apertura, nas que, xunto cos integrantes da Mesa polo Emprego, participan persoas e entidades representativas en seis áreas concretas de actuación: Recursos sociolaborais; Emprego xuvenil; Innovación e emprendemento; Economía social e emprego protexido; Traballo garantido e renda básica; Desigualdade de xénero no emprego.

Finalmente, a participación cidadá concrétase a través de dous mecanismos: por unha banda, a través de enquisas temáticas que se habilitaron na páxina web da Axencia Local de Colocación; por outra banda, no Foro Colaborativo para o Emprego, que se celebrará os próximos días 5 e 6 de novembro no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia. No FOCO, as persoas interesadas poderán coñecer os traballos e propostas elaboradas nas mesas temáticas, realizar novas achegas e priorizar as propostas resultantes. De momento foron máis de 150 as propostas presentadas, que se agrupan en distintos grupos: empregabilidade, emprendemento e economía social, cidadanía...

Todas as persoas interesadas en participar neste proceso aberto poden inscribirse nas diferentes Mesas do FOCO a través da web da Axencia Local, onde poderán atopar información máis detallada sobre o evento, consultar documentación sobre o proceso, ver o listado de Mesas de participación previstas para os días 5 e 6 de novembro e inscribirse para participar de forma activa. Tamén poden inscribirse no 981 543 060.

Direcciones relacionadas



Compartir: