DEPORTES

Cita este domingo para os afeccionados ao ciclismo nunha marcha urbana por Santiago

11/07/2014 Co obxectivo de contaxiar o entusiasmo e os valores do ciclismo entre os afeccionados, Movistar celebrará este domingo 13, por primeira vez en Santiago, unha das súas emblemáticas marchas ciclistas urbanas, capitaneada por Iván Gutiérrez e Igor Antón, membros do Movistar Team. A proba foi presentada en rolda de prensa pola concelleira de Deportes e Servizos Sociais, María José Corral, e o director de Movistar Galicia, Marcial Alonso.

O alcalde compostelán, Agustín Hernández, e o director de Telefónica en Galicia, Manuel Alonso, serán os encargados do tradicional corte de cinta que indica o inicio da carreira e, a continuación, uniranse ao pelotón de afeccionados para emprender a marcha polas rúas da cidade.

A marcha, de carácter gratuíto e á que poden sumarse afeccionados de todas as idades, partirá ás 11:00 horas do Campus Sur (Avenida da Coruña) e transcorrerá dentro do casco urbano de Santiago, nun tramo que permanecerá pechado ao tráfico. O itinerario consistirá en 10 quilómetros de baixa dificultade pensados para ser percorridos en menos dunha hora e para vivir una experiencia única, pedaleando en familia ou entre amigos.

Santiago converterase así no escenario da segunda das catro carreiras que compoñen a cuarta edición da iniciativa, coa que Telefónica apoia o ciclismo amateur, e para a que contou nesta ocasión coa colaboración de voluntarios do Club Ciclista Teo e do Motoclub Compostela. Nos últimos catro anos, máis de 13.000 corredores participaron nas distintas marchas organizadas por toda a xeografía española.

Inscrición
As persoas interesadas en formar parte do pelotón poden inscribirse na web www.peloton.movistar.es, onde atoparán ademais toda a información relativa ás carreiras: como participar, onde recoller o dorsal, horarios, percorridos, premios ou consellos útiles para afrontar a marcha sen dificultade.

Ademais, Movistar regalará a todos os participantes unha camiseta e unha gorra para que gocen da marcha perfectamente equipados.

A organización habilitará unha área de actividades na que os asistentes terán á súa disposición unha xincana infantil, zona de masaxes, un taller de bicicletas e a posibilidade de facerse divertidas fotos virtuais. Haberá momentos tamén para as sorpresas, xa que se sortearán varios equipamentos oficiais e unha bicicleta do equipo ciclista Movistar Team.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: