DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

Un plan director dos parques e xardíns da cidade definirá as prioridades de actuación na busca dunha xestión global máis eficiente e sustentable

08/04/2014 A concelleira da Área de Desenvolvemento Urbanos Sostible, María Pardo, presentou en rolda de prensa o Plan director dos parques e xardíns de Santiago, que conta cunha inversión para a súa redacción de 144.085 euros e que se encadra nas mellorar presentadas pola empresa adxudicataria do prego de mantemento das zonas verdes.

María Pardo indicou que desde o goberno "planteámonos seriamente desde un principio que en relación á conservación e mantemento das zonas verdes e parques e xardíns do concello había que ir máis alá xa que, dada a magnitude do contrato, dos máis importantes, cremos que se podía facer máis". Este contrato adxudicouse en Xunta de Goberno Local a semana pasada e optouse por un "prego de condicións que propiciara moitas melloras que terá que realizar a empresa adxudicataria ao longo do período de vixencia do servizo". Dentro desas melloras está o Plan director dos parques e xardíns de Compostela.

Segundo indicou a edil, o obxecto deste plan é unha mellor e máis eficiente xestión e mantemento das zonas verdes do Concello xirando en torno a catro liñas básicas: a sostibilidade; mellorar a calidade dos parques; protexer o patrimonio natural e promover o uso e o coñecemento dos espazos verdes entres os composteláns.

O Plan estrutúrase en 15 áreas e para cada unha delas desenvolveranse varios proxectos: arborado, recurso hídricos, parques históricos (Alameda de Santiago e San Domingos de Bonaval), Casco Histórico, Camiño de Santiago, Ensanche, grandes zonas verdes consolidadas, novas zonas verdes e urbanizacións non consolidadas, espazos naturais, hortas urbanas, accesos á cidade (viais, circunvalacións, medianas, isletas...), polígonos industriais, colexios, equipamentos e instalacións e protección de zonas verdes.

En total serán 262 proxectos que realizará un estudo de paisaxismo tendo en conta tamén a opinión de moitos colectivos como asociacións veciñais, arboristas, especialistas en varias áreas, centros de educación primaria, asociacións de nais e pais de alumnos, hidrólogos, etc, co fin de implicar á cidadanía no disfrute pero tamén no coidado das áreas verdes da cidade.

María Pardo incidiu na importancia de ter unha visión global das zonas verdes da cidade para poder actuar eficientemente sobre elas e salientou algunhas actuacións relevantes como as que se poden realizar no Casco Histórico ou no considerado pulmón de Compostela: a Alameda.

Documentos relacionados



Compartir: