CULTURA

Últimos días para presentarse aos Premios Auditorio de Galicia para novos artistas

16/12/2013 O prazo de presentación de dossieres para os Premios Auditorio de Galicia para novos artistas remata este venres 20 de decembro. As bases poden consultarse e descargarse nesta mesma web (documento adxunto) ou no apartado de exposicións da páxina web www.compostelacapitalcultural.org.

Os premios do Auditorio de Galicia para novos artistas, cumpren este ano a oitava edición. Comezaron a celebrarse con carácter anual no ano 2001, para pasar a ser bienais, propiciando un tempo imprescindible, tanto para dar cabida a novos artistas como para permitir aos que se veñen presentando as sucesivas edicións, afondar nas liñas de traballo.

O prestixio acadado converten aos premios Auditorio de Galicia, nun dos máis esperados e importantes de Galicia, nun momento no que desapareceron outras convocatorias e no que o apoio a actividade artística resulta imprescindible para propiciar a creación. Unha convocatoria querida e requirida polos artistas como plataforma para entrar no circuíto profesional ou para que a súa obra poida ser visitada polo público interesado e por galeristas ou críticos.

Para moitos dos artistas que se presentan será a primeira experiencia nunha sala de exposicións, un reto no que de novo poderemos constatar a excelencia duns artistas que de seguro nutrirán durante moito tempo a creación en Galicia.

A dotación dos premios, apoia de forma directa a tres dos artistas participantes: en maior medida para o primeiro premio que, con 6.000 euros, poderá ser axuda para producir obra, continuar investigando, formándose... apoiando cuestións para as que os artistas non atopan facilidades e recursos. Un segundo premio de 1.000 euros e intervención na Zona C (na que o artista premiado deberá traballar unha proposta específica que tamén contará con dotación económica) e un terceiro accésit de 1.000 euros.

E tamén fai o premio atractivo o nomeamento dun xurado profesional que se intenta que sexa diferente en cada convocatoria propiciando o debate e a opinión. Nesta edición o xurado está composto por Juan Carlos Meana Martínez, decano da Facultade de Belas Artes de Pontevedra; Silvia Longueira, xestora cultural e comisaria; Mercedes Rozas, comisaria e crítica; e Sofía Santos, vicepresidenta do padroado do CGAC e coleccionista de arte.

Un xurado que seguro fará unha rigorosa selección que dará lugar a outra interesante mostra xa que as obras seleccionadas polo xurado, dentro das cales estarán as gañadoras, poderán verse nunha exposición que se inaugurará no mes de marzo do 2014 no propio Auditorio de Galicia. Nesta selección haberá grandes propostas que virán a completar a nómina de artistas que consolidaron traxectoria logo de estar nestes Premios. Como exemplo podemos nomear a Rubén Ramos Balsa, primeiro premio da III edición e que foi representante do pavillón español na Bienal de Venecia; a exitosa presenza de Amaya González en feiras como Arco; ou Manuel Eirís que xa tivo proxectos propios no Marco de Vigo.

Poden participar artistas individualmente ou como colectivo, que nacesen ou residan en Galicia, menores de 40 anos a 31 de decembro de 2013. O prazo para presentarse remata venres 20 de decembro. Nesta primeira fase o xurado valorará os traballos polos dossieres presentados.

Documentos relacionados



Compartir: