CONSORCIO

A Real Filharmonía participa nas Festas do Apóstolo cun concerto especial na Quintana

20/07/2012 A Real Filharmonía de Galicia vai participar por primeira vez na programación das Festas do Apóstolo cun concerto gratuíto na praza da Quintana. A orquestra preparou para a ocasión un concerto ameno, con pezas curtas pensadas para todos os públicos e nas que os músicos poderán demostrar o seu bo facer.

O concerto foi presentado en rolda de prensa polo alcalde e presidente do Consorcio, Ángel Currás; a xerente da entidade, María Antón; e o director do concerto, o galego Diego García Rodríguez. Este dirixirá pezas coñecidas de Dvorák, Brahms ou as célebres oberturas de Guillermo Tell e O Morcego, entre outras composicións. Trátase, polo tanto, dun concerto diferente aos habituais no Auditorio de Galicia, máis áxil e de pezas máis cortas, nos que o público poderá aproximarse aos músicos dunha forma nova. O concerto, que comezará ás 21:30 horas, terá unha duración aproximada dunha hora e reservará para o final algunha sorpresa.

O alcalde indicou que este concerto é un paso máis para unha nova etapa da Real Filharmonía. "A orquestra camiña cara un programa más lúdico, de maior achegamento ao público", dixo, co obxectivo de que "os composteláns coñezan e valoren máis a unha das principais orquestras do panorama español".

Nesta mesma liña, Diego García apuntou que "esta é unha oportunidade do público para comprobar a calidade desta orquestra". O programa do concerto cualificouno como "moi popular, con pezas que lle soan a todo o mundo e moi artellado en torno á danza". Así, convidou os pais a traer os nenos a gozar da música.

Diego García
O galego Diego García foi o director musical da produción do Centro Dramático Galego A ópera dos tres reás, así como da orquestra Xovigo e dos proxectos do Taller Atlántico Contemporáneo. Nos últimos anos converteuse nunha das referencias artísticas e musicais de Galicia, participando nos principais certames e festivais da comunidade. Proximamente vai participar na produción de La Traviata no Thèâtre de Caen (Francia) e de Carmen en Gdansk (Polonia). Foi director asistente de Josep Pons na producción de The turn of the screw, de Britten, e de Paul Daniel na producción Król Roger, de Szymanowsky. Como pianista forma, xunto co frautista da Filharmonía Luís Soto, o proxecto Galicia XXI.

Programa

A. Dvorák, Danzas eslavas, núm. 1 y 7
J. Brahms, Danzas húngaras, núm. 6 y 11
G. Rossini, Obertura de Guillermo Tell
G. Gershwin, Lullaby
J. Strauss, Obertura de O Morcego
A. Dvorák, Danza eslava, núm. 8
J. Brahms, Danza húngara, núm. 5

Compartir: