FESTAS
O desfile do Meco abre este sábado o Entroido 2017
Santiago inaugura mañá a celebración do Entroido, co tradicional desfile do Meco. A comitiva partirá ás 20:00 horas da praza de Cervantes, acompañada polas comparsas Os Conformistas de Conxo e A Ruliña de Laraño. Á súa chegada á praza do Toural, o Meco será instalado no balcón do Pazo de Bendaña para vixiar dende alí como transcorren as celebracións do Carnaval.
XUNTA DE GOBERNO
A Xunta de Goberno aproba o proxecto de renovación da avenida de Vilagarcía
A Xunta de Goberno aprobou hoxe o proxecto básico e de execución para a repavimentación da avenida de Vilagarcía, no tramo comprendido entre as avenidas de Rosalía de Castro e Romero Donallo. O orzamento para as obras é de 496.733,51 euros, IVE incluído.
ALCALDÍA
O alcalde participa nos actos do Día de Rosalía organizados pola Fundación Rosalía de Castro
O alcalde, Martiño Noriega, participou esta mañá nos actos organizados pola Fundación Rosalía de Castro para conmemorar o 180 aniversario do nacemento da escritora. As celebracións comezaron na Alameda, cunha ofrenda floral diante da estatua de Rosalía, que tamén está a celebrar o seu centenario. No acto participaron, ademais do alcalde, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
TURISMO
O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade promociona os seus destinos en Perú e Arxentina
O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade continúa a súa promoción da man de Turespaña no mercado americano, coa participación en varias accións comerciais que se desenvolverán entre o 28 de febreiro e o 3 de marzo en Perú e Arxentina.