XUNTA DE GOBERNO
O alcalde expresa a súa satisfacción pola presenza dos Reis en Compostela os días 24 e 25 de xullo
Unha vez confirmada oficialmente a presenza dos Reis en Santiago de Compostela os días 24 e 25 de xullo, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mostrouse "moi contento" pola noticia. Neste sentido, lembrou que a petición "saíu da Alcaldía hai case dous meses, e a resposta chegounos hai máis dun mes, pero mantivemos a reserva nos termos que nos foi pedida".
FESTAS
A Banda da Loba, proposta musical para este martes nas festas do Apóstolo
A xornada do martes nas festas do Apóstolo tráenos dúas novas propostas: a obra familiar "O sal do mar e outros compañeiros mariñeiros", de Teatro do Andamio (ás 19:00 h no parque de Galeras), e o concerto de A Banda da Loba (ás 22:00 h na praza da Quintana). Os dous espectáculos teñen xa as entradas esgotadas.
CONSORCIO
O 7 de agosto remata o prazo de inscrición na nova edición do Curso de Especialización Instrumental da EAEM
A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, organiza unha nova edición do Curso de Especialización Instrumental 2020-2021. Esta iniciativa diríxese a estudantes de música de grao medio ou superior que desexen perfeccionarse nalgún destes instrumentos: violín, viola, violoncello, contrabaixo, frauta, óboe, clarinete, fagot, trompa, trompeta, trombón ou percusión. O prazo de inscrición remata o 7 de agosto.
CONSORCIO
O Consorcio pon en marcha as obras de mantemento da igrexa de San Frutuoso
No marco do programa de restauración de monumentos do Consorcio de Santiago, o organismo interadministrativo vai iniciar as obras de mantemento da igrexa de San Frutuoso, por un importe global de 103.363,33 euros. A empresa adxudicataria é Murúa, S.C. Prevese que a intervención estea rematada nun período de catro meses.
XUNTA DE GOBERNO
Aprobadas as listaxes de admitidos/as, excluídos/as e de agarda nas escolas infantís municipais
A Xunta de Goberno aprobou este luns as listaxes definitivas de admitidos/as, excluídos/as e listaxe de agarda nas escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños, para o curso 2020-2021. O Departamento de Educación anunciará en breve o prazo de matricula para os/as admitidos/as.
XUNTA DE GOBERNO
Visto bo ao proxecto de reconstrución do muro da rúa da Costiña do Monte
O Goberno local aprobou este luns o proxecto de reconstrución do muro na rúa Costiña do Monte, cun orzamento máximo de licitación de 107.083,34 euros (IVE incluído). A obra terá un prazo de execución de catro meses.
XUNTA DE GOBERNO
Incorpóranse 39 novas prazas de estacionamento en superficie para residentes na zona 7 (San Lourenzo)
A Xunta de Goberno aprobou a ampliación de prazas de estacionamento en superficie para residentes en varios puntos correspondentes á zona 7 (San Lourenzo). Ademais, incorpóranse ao réxime da ORA outra serie de prazas.