BENESTAR SOCIAL
Reparto de 500 adhesivos para promover a superación do estigma da enfermidade mental
A concelleira de Benestar Social, Paula Prado, participou na campaña Mentalíza-T, co fin de conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental. Nun acto celebrado no cruceiro de San Pedro, repartíronse máis de 500 adhesivos como símbolo de sensibilización e con recomendacións xerais sobre a saúde mental.
COMERCIO
Sorteados os dez cheques agasallo entre os compradores da feira Santiago Stock
A concelleira de Comercio, Reyes Leis, presidiu o sorteo dos gañadores do concurso do Santiago Stock, que se celebrou no Pazo de Raxoi. Todas as persoas que realizaron algunha compra igual ou superior a 20 euros nalgún dos comercios participantes recibiron un boleto para participar no sorteo de dez cheques agasallo, por un valor de 50 euros, para gastar en calquera dos comercios participantes no evento.
BENESTAR SOCIAL
Unha nova campaña quere sensibilizar os mozos sobre a necesaria conciliación entre lecer nocturno e descanso veciñal
A Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD) pon en marcha unha nova campaña destinada a concienciar aos mozos e mozas da necesidade de conciliación entre o seu lecer e o descanso dos veciños de Santiago. 1.500 carteis e 5.000 postais informarán á mocidade das sancións por condutas relacionadas co ruído ou co consumo de alcohol na rúa.
DEPORTES
O torneo internacional de squash "Camiño de Santiago" volve reunir algúns dos mellores xogadores do mundo na pista de Área Central
O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, e o subdirector da Secretaría Xeral para o Deporte, Carlos Gómez, presentaron en Raxoi o Torneo Internacional de Squash PSA "Camiño de Santiago", que se celebrará do 15 ao 20 de outubro na pista de cristal instalada en Área Central. Previamente, do 12 ao 14 de outubro celebrarase o Campionato de España por equipos.
ECONOMÍA
Ábrese o prazo de inscrición para o curso "Análise de mercados"
A Concellería de Economía abre o prazo de inscrición para o curso "Análise de mercados", acción formativa que se integra dentro do programa Santiago Investors Support. O curso desenvolverase en dous grupos, un os días 5 e 6 de novembro e outro os días 7 e 8 do mesmo mes. A inscrición pode facerse a través da páxina do CERSIA Empresa. O prazo remata o día 23 de outubro.
MEDIO AMBIENTE
As mostras tomadas no vertedoiro de Aríns determinarán o tipo de selado a realizar
A concelleira de Medio Ambiente, María Castelao, reuniuse en Raxoi con técnicos e responsables da empresa Urbaser para falar sobre as actuacións que se están a realizar no vertedoiro clausurado de Aríns. Tras a xuntanza, indicou que avanzan segundo o previsto os traballos, que permitirán a construción dunha franxa perimetral de recollida de pluviais e dun valado, ademais da toma de mostras sobre os residuos alí depositados.
MERCADOS
O Concello informa aos vendedores ambulantes dos cambios previstos na nova ordenanza reguladora deste tipo de comercio
Unha representación do colectivo de vendedores ambulantes mantivo unha reunión coa concelleira de Comercio e Mercados, Reyes Leis, que os informou das novidades da nova ordenanza que regulará este tipo de comercio. A norma será previsiblemente sometida á aprobación do Pleno na sesión ordinaria de finais deste mes de outubro.